Os pequenos festivais reclaman a súa importancia no panorama do directo tradicional

Axendas festivaleiras: Folk

Chega a época dos festivais. Por todos os recantos dos país, case a diario e especialmente nas fins de semana hai algunha oportunidade de gozar de música en directo. Hip-hop, folk, pop, rock... E díficil facer a elección. Para nos orientar un pouco no maremagnum de festivais e concertos, preguntámoslle a algúns dos máis recoñecidos críticos musicais do país, que nos elaboran cadansúa carta na que atopamos moitas propostas que foxen do máis habitual. Para comezar, Henrique Macías recoméndanos citas de raíz.

Responsable do web Malmequer, un dos núcleos fundamentais para se informar sobre música de raíz no noso país, Henrique Macías aposta na súa axenda polos festivais centrados neste estilo, aínda que non rexeita eventos que se caracterizan pola mestura de ritmos. Destaca a mención de varias pequenas citas nas que o achegamento co público e programas selectos priman sobre as grandes promocións.

Mostra das Culturas, Boiro. “A Mostra das Culturas paréceme que ten un cartel moi ecléctico e interesante”. Banda Bassotti, Obrint Pas, Supersandwich, Nao ou Bonovo compoñen un programa que se completa con actuacións, obradoiros, degustacións e debates na Carpa da Diversidade.
Do 4 ao 9 de xullo en Boiro
Web do evento

Festigal, Compostela. “A nivel de mesturar estilos o Festigal tamén é moi interesante”. Unha cita xa consolidada no Campus Sur Compostelán. Postos de venda, proxeccións, conferencias e, por suposto música. Nao, Caravan Palace, Lamatumbá, The International Noise Conpiracy, Quempallou, Pablo Milanés ou Berrogüetto son parte do cartel deste ano.
Compostela, 24 e 25 de xullo.
Web do evento


Festival da Carballeira de Zas e Festival de Pardiñas. “De clásicos sempre quedo con Zas e Pardiñas a nivel de música folk”. Aínda se ter pechado o programa desta edición, estas dúas citas confírmanse ano a ano coma fundamentais para os amantes da música de raíz.
Será ao longo do verán en Zas e en Pardiñas, Guitiriz, o 2 de agosto.
Web do Festival de Zas

Festival de Ortigueira. “Este ano o Festival de Ortigueira ten un cartel moi bo, pero dáme algúns reparos pola evolución do festival. O xeito en que se está a vivir na zona de acampada, coas carpas de música electrónica, bota para atrás a moita xente”. The Dubliners, Xochilmica, Eliseo Parra, Malvela, Moving Hearts ou Vartinnä son algúns exemplos dese interesante cartel.
Será en Ortigueira do 10 ao 13 de xullo
Web do evento

Festa Folc de Vilariño, Cangas. “Un que sempre desfruto moito é o festival da praia de Vilariño en Hío. Sempre hai un ambiente moi bo”. Serra-lhe Ai, Xosé Manuel Budiño, O Sonoro Maxín e o conxunto Lembranzas da Ría animarán o ambiente neste encontro, no que tamén haberá unha mexilloada popular.
Será na praia de Vilariño, Hío, o 16 de agosto.
Web do evento

As nosas músicas, Couso. “Non sei se fará este ano, pero o festival de Couso ten tamén un ambiente estupendo”.
Será, de ser, en Couso, A Estrada, ao longo do verán.
Web do evento