A arte é feminina

A discriminación das mulleres na arte galega protagonizou dous ciclos de debate

Imaxe dunha Performance de Ana Gesto
Imaxe dunha Performance de Ana Gesto
Esta primavera a creación das mulleres protagonizou dúas xornadas de reflexión. O ciclo Da arte feminina á arte feminista, desde a galería A.dFuga en Compostela, e mais o encontro Pasado e presente das artistas. O contexto galego, que organizou a Universidade de Vigo en Pontevedra, puxeron de relevo a especial discriminación que sofren as mulleres neste ámbito.

A galería A.dFuga propuxo, entre o final do mes de abril e o comezo de maio, unha serie de xornadas de reflexión sobre a creación de muller no marco do ciclo Da arte feminina á arte feminista. Segundo explica Paula Cabaleiro, coordinadora do ciclo, “a partir da exposición Tic, tac…, de Laura Piñeiro, que explora de xeito subversivo o tema da costura e dos fíos, pensamos en facer unhas xornadas centradas nesta cuestión”. Pola súa banda, a iniciativa do encontro pontevedrés naceu, segundo explica Almudena Fernández, unha das súas coordinadoras, “coa intención de reflexionar sobre a cuestión de que, sendo mulleres o 70% do alumnado de Belas Artes, ocupan unha porcentaxe moi pequena nos programas artísticos”. A dar cifras máis concretas, “un estudo que publicou hai uns meses a Asociación MAV (Mulleres nas Artes Visuais), verificaron que as mulleres que programaron exposicións individuais ou que facían parte de coleccións importantes era mínimo, entre un 9 e un 12%. Verifícase que, despois da formación universitaria, cunha enorme canteira feminina, na profesión a cifra está invertida”. Coincide nesta apreciación Cabaleiro, quen sinala que as responsables de A.dFuga “fixemos Belas Artes hai relativamente pouco e vemos que, mentres o número de estudantes mulleres é moi grande, quen vai entrando en galerías, acode a feiras ou obtén bolsas son homes. A suposta igualdade que noutros ámbitos se conseguiu a nivel teórico, aquí está totalmente ausente”.

Discriminación estable
Fronte a se están a se dar avances na presenza feminina nas artes, Fernández non é optimista. “A situación está bastante estática, as persoas que están nas comisións que deciden programacións expositivas ou os xurados de bolsas, non teñen presente este problema”. Esta creadora salienta os esforzos que desde diferentes institucións se están a facer a prol da visibilidade do traballo das mulleres e a procurar a igualdade na incorporación á profesión artística. “Nos últimos anos mudaron cousas. Houbo exposicións centradas nas artistas, como Arte inexistente a finais dos 90 e Marxes e Mapas en 2008, no Auditorio de Galicia, ou as bienais que organizaba a asociación Alecrín . Desde o Culturagalega.org desenvolveuse o Álbum de mulleres, e na Universidade de Vigo creouse unha Unidade de Igualdade que quere apoiar o traballo dos estudantes e procurar unha maior igualdade”, explica. “Pero malia a estas iniciativas, os feitos non mudan”, asegura. “A discriminación nótase máis no mercado da arte e nas exposicións nas universidades”.

Protesta silenciosa
Fronte a esta situación, no entanto, en ámbalas xornadas se verificou que na arte galega feita por mulleres está ausente, de xeito maioritario, unha reivindicación de xénero explícita. “Parécenos curioso que non produza. Dános a impresión de que o problema non se percibe, e recoñecelo é o primeiro paso para tentar resolvelo. Entre o alumnado de Belas Artes mantense a percepción de que as cousas irán mudando aos poucos, e que esta discriminación se debe á relativamente recente incorporación da muller ao mundo da arte”, explica Fernández. “Pola miña banda, penso que hai unha inercias importantes, e que cómpren accións para conseguir que as cousas muden”. Cabaleiro, no entanto, advirte que, se ben non explícita, si existe unha certa corrente reivindicativa na arte das mulleres galegas. “O contido político non está xeralizado. Algunhas artistas teñen implícito o carácter feminista na súa obra, outras non o procurar e no entanto téñeno. É unha situación moi heteroxénea”. Coincidindo con esta perspectiva, Fernández apunta que “o feminismo, entendido como unha arte con contido político non se dá tanto. Si se pode percibir un xeito de ollar, ou de entender a subxectividade, certos temas, o tratamento do corpo ou determinados materiais que poden aproximar a algunhas creadoras ás artistas do feminismo dos anos 70”. Dentro das propostas máis reivindicativas na arte actual, as dúas coordinadoras sinalan os traballos de Yolanda Herranz de das alumnas vencelladas ao seu grupo de investigación. “Traballan a perspectiva feminista, a muller desde a indumentaria, os quefaceres domésticos, as artes menores, ou a palabra”, explica Cabaleiro.

Artes para concienciar
Aínda que Fernández considera que non hai unha especial preeminencia en canto a artes que sexan especialmente complicadas para as mulleres, Cabaleiro sinala as posibilidades que algunhas delas teñen na loita pola igualdade. “A arte preséntase como unha ferramenta máis para tentar concienciar a poboación. Nese sentido, a performance permite unha maior confrontación directa co público. O espectador non pode escoller se participar, cando se decata xa está integrado na acción, é algo vivencial que permite unha transmisión directa”. Canda a isto, no encontro da súa galería abordouse de xeito específico o caso da pintura. “É moi interesante porque se trata da disciplina na que o dominio masculino era máis evidente. Ao longo da historia a muller apareceu sempre como modelo e non como coma suxeito. Esta é unha ruptura deste século e hai unha serie de artistas novas que recuperan a pintura, que estivera nun segundo plano”. Dentro do ciclo, por exemplo, contaron con Yolanda Otero, “que fai unha pintura moi expresionista e trata temas moi cotiáns como o desexo ou o pracer, cun traballo moi feminino e ao tempo moi subversivo”.

Encol como mudar este panorama, Fernández teno claro. “Cómpre afondar nunha política de igualdade e que a Lei (de Igualdade) se aplique nas comisións que toman decisións neste ámbito. As institucións debe ser responsables ante esta cuestión”.

<i>Canto de filomela</i>, Laura Piñeiro

Canto de filomela, Laura Piñeiro

Fonte: Galeria A.defuga.

Galería: <i>Da arte feminina á arte feminista</i>

Galería: Da arte feminina á arte feminista

Cartografías de aqueles mares, de Laura Piñeiro.Fonte: A.defuga

<i>Cartografías de aqueles mares</i>, de Laura Piñeiro

Cartografías de aqueles mares, de Laura Piñeiro

Fonte: Galería A.defuga

<i>Ambilopías da historia</i>, de Laura Piñeiro

Ambilopías da historia, de Laura Piñeiro

Fonte: Galería A.defuga

<i>Canto de filomela</i>, de Laura Piñeiro.

Canto de filomela, de Laura Piñeiro.

Fonte: Galería A.defuga.

<i>Óleo</i>, de Yolanda Dorda

Óleo, de Yolanda Dorda

Fonte: Galería A.defuga

Imaxe da performance <i>A voltas coa peana</i> de Sonia Tourón

Imaxe da performance A voltas coa peana de Sonia Tourón

Fonte: Galería A.defuga

Dosier do ciclo Da arte feminina á arte feminista.