Tempos de Cans

A IX Edición do Festival arrinca medrando fronte á crise

Foto: Rafa Costas
Foto: Rafa Costas
A crise déixase sentir nas producións pero non no evento. O Festival de Cans dá comezo hoxe á súa IX Edición aparecendo como unha excepción no panorama de crise do audiovisual. Fronte aos recortes ou suspensións aos que se enfrontan outras citas, o encontro do Porriño medra, aínda que os seus organizadores recoñecen que, dun xeito ou doutro, os problemas económicos se deixan senstir nas producións que reciben.


Para alén de chimpíns, proxeccións en galpóns e a participación dos veciños que singularizan o Festival de Cans, esta cita está a se presentar como unha cita imprescindible do audiovisual a nivel de programación. “Para alén desas características propias, procuramos superar a anécdota lúdica, afondar nos contidos e converternos nunha alternativa seria a nivel de contidos. Tentamos achegar sempre cousas inéditas”, explica Alfonso Pato, director do evento. Así, a seguir a liña de anos anteriores, mesmo filmes que xa foron estreados poderán verse con escenas novas. Desta volta é o caso de Tralas luces e de Engurras. “Tentamos abrir na programación ocos que non están abertos, escoita o que pasa no contexto actual e tentamos anticiparnos a cousas que ao mellor non están noutros festivais”. En total serán 18 curtas a concurso, 12 de ficción e 6 de animación as que fan parte da sección de animación. A aposta pola novidade está tamén presente na programación musical, na que destaca a presenza, entre os 20 concertos previstos, catro proxectos que estrean disco: Xoel López, Aerolíneas Federales, Banda Crebinsky e O Sonoro Maxín. Nesa liña, non podían faltar no programas as estreas, como a da longa Personal movie de Héctor Carré e mesmo as preestreas na sección Fill@s de Cans. “Xente coma Margarida Ledo ou Fernández Valdés amosarán escenas dos filmes nos que están a traballar. Isto é algo que non se fai en ningures, e aquí a xente ven encantada a esinar estas cousas”, lembra Pato. A conexión entre cinema e música, con documentais sobre a movida viguesa ou o proxecto Os Irmáns Lumieira e as proxeccións de videoclips é outra tendencia da actual xeira.

Economía sa
Indo a contracorrente na actual situación económica e cultural, Cans non se conforma con medrar, quere consolidar a súa autonomía. “O noso obxectivo nun prazo medio de tempo sería autofinanciarnos”, sinala Pato. “Isto non implica que renunciemos a reivindicar apoio público, esixímoslle á administración que cumpra a súa responsabilidade de promover a cultura. Pero nós testamos a tentar aplicar as nosas ideas a imaxinación para conseguir financiarnos. Temos a sorte de contar con patrocinadores privados que están a ser moi fieis. Mentres non nos abandonen penso que poderemos resistir mellor do que outros. Non sei por canto tempo será posible isto, pero non temos pensado cobrar pola proxeccións libres nin polas actividades paralelas”. Unicamente asistir aos filmes da sección oficial e mais a actividades con límite de aforo está suxeito a pago neste encontro.

Medrar con xeito
Neste sentido, o evento medra nesta edición, engadindo novas actividades, espazos de concertos e mais un mercadiño. Canda a isto, batiuse a marca de participantes, xa que a organización recibiu un total de 166 producións. Para alén de no programa, o crecemento déixase sentir tamén na loxística. Novas zonas de aparcamento e sinalización, servizo de bus e un maior esforzo da organización tentan dar conta dos preto de 9.000 visitantes que nos últimos anos están a se achegar a esta aldea de 600 veciños. “Non queremos bater marcas, o que procuramos é que a xente se sinta cómoda. O festival medrou moi rápido e estivémonos reorganizando, asentando unhas bases para ver como vai e se para o futuro podemos medrar ou se isto é abondo”, explica Pato. De todos os asistentes, unha cifra digna dun festival musical, a organización considera que entre 3.500 ou 4.000 persoas poden asistir ás proxeccións audiovisuais, mentres o resto participa nos concertos, os coloquios ou simplemente pasea.
A crise na creación
Malia a que no programa non se deixa sentir a recesión, a organización advirte mudanzas nas producións recibidas que si poden estar relacionadas coa situación económica. “Detéctanse cambios no aspecto creativo. O principal é a mingua nas producións de animación. Son proxectos que esixen moito tempo e, se non hai axudas para impulsar a esta xente, o sector non ten moitas trazas”. De feito, diminuíu moito a cantidade de fitas deste tipo que se presentaron a concurso. “Fronte a isto, medrou moito a cantidade e a calidade dos videoclips. Resulta un xénero relativamente barato, sinxelo de facer e que permite moito enxeño e experimentación”, sinala o director. Por outra banda, no campo das curtametraxes en xeral “o que se detecta é outros anos había moitas producións feitas en Galicia, e agora detectamos que participan moitos creadores do país que están a traballar fóra de Galicia. Á falta de axudas, a xente traballa de xeito independente ou busca a vida fóra, penso que con bastante fortuna”. Os seus traballos poden verse na sección Galegos no espazo exterior. Canda a isto, para Pato, tamén se detectan mudanzas no propio xeito de abordar a creación audiovisual. “Semella que a xente aposta algo máis por experimentar, e por formatos de menor duración. Nós este ano é no que atopamos máis xéneros abertos”. Proxectos como La charcutera caníbal, montado con imaxes do NO-DO, A culpa é dos pais ou Fillos de Sansón son exemplos da tendencia anovadora, así como o especial protagonismo que nesta xeira adquiren as webseries, entre outras iniciativas.

A dificultade de elixir
A nivel de programación, o director admite que “non me gustaría ser espectador deste festival. Cun programa na man non sabería onde ir con tantas cousas como hai en cada momento”. Postos a escoller, “eu penso que me gustarían moito os encontros cos directores, é algo que só se pode facer aquí. Teremos a Ángel de la Cruz e algúns dos actores que dobraron Engurrras. Reixa falará do musical Galicia caníbal e haberá unha lectura participativa dun guión con Isabel Coixet, entre outras propostas. O contacto coas persoas é algo que en Cans se fai con moita naturalidade e que noutros festivais non podes ter”, advirte Pato, “e para iso non cómpre ter entrada nin ver curtas”. Os interesados en ter a súa experiencia Cans, teñen ata o vindeiro 26 de maio para se achegar.
Programación do IX Festival de Cans.