Os músicos ao vivo reivindican o seu papel nas redes da Xunta

A asociación profesional do sector reclama unha maior regularización

Logo de se constituír como asociación profesional, o colectivo Músicos ao vivo acaba de emitir un comunicado no que reivindica un maior papel na coordinación dos circuítos musicais que coordina a Axencia Galega das Industrias Culturais. A asociación denuncia que os músicos non se teñen en conta á hora de organizar programas como a Rede Galega de Música ao Vivo, e reclama que se garanta que todos os intérpretes que participan nos mesmos estean dados de alta na seguridade social.

Asimesmo, o colectivo reivindica o establecemento dun mínimo salarial segundo o número de membros por grupo, e denuncia que, segundo o Informe da Rede Galega de Música ao Vivo 2011, "o caché medio final na rede é practicamente a metade do establecido a priori", sinalando que os programadores "son a parte claramente privilexiada neste caso".

Os músicos sinalan nun comunicado emitido hoxe que desde a súa fundación a asociación continúa a medrar e que conta xa con 180 membros. Entre os seus vindeiros proxectos está desenvolver un plan de regularización laboral do sector e mais estudos económicos "para analizar a viabilidade de instaurar en Galicia un sistema de cooperativas de músicos".