O camiño da creación

Os artistas contemporáneos buscan alternativas e fan autocrítica ante a crise

Furancho de Arte Contemporánea. Foto: FAC
Furancho de Arte Contemporánea. Foto: FAC
As primeiras sesión das xornadas Arte contemporánea en Galicia 2012. O estado da cuestión no sector, que se celebraron no Consello da Cultura os pasados xoves e venres amosan un sector en transformación e disposto a facer autocrítica. Rematado o período na que se multiplicaban centros e museos e os anos de vacas gordas de coleccionismo, creadores e mediadores procuran novos camiños para chegar ao público.

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega puña a andar o pasado xoves as xornadas Arte contemporánea en Galicia 2012. O estado da cuestión no sector. Buscando unha pluralidade de opinións e perspectivas, o encontro dedicou as súas dúas primeiras sesións aos creadores e mais á mediación neste ámbito creativo. Segundo apunta Seve Penelas, un dos coordinadores da actividade, a raíz destas xeiras percíbese que “en xeral o ton está a ser bastante construtivo. Aínda que este é un sector no que a miúdo se ten a sensación de que todo o mundo vai por libre e que en ocasións é un todos contra todos”. Canda a isto, salienta que as xornadas están a conseguir unha participación variada e representativa, xa que contan con representantes de entidades como o Auditorio de Galicia, a Fundación Laxeiro, o CGAC ou creadores de variadas tendencias. “Os participantes son representativos e danse intervencións moi interesantes”, lembra.Nese sentido, este crítico apunta que “hai un grande nivel de educación e de construción nas propostas. Se cadra é un bo síntoma o feito de que está a ir para alén do val de bágoas e da queixa sistemática. Non se está a apuntar tanto contra as institucións, aínda que existe consciencia e reclámase o dereito á cultura e á creación, así como que non haxa máis recortes. Semella que a xente está a incidir máis en buscar alternativas, e agardamos que deste encontro poida saír algún tipo de documento público con conclusións”.

Necesidade de mudanzas
“Está claro que algo ten que mudar no sector. As vacas gordas que se daban hai vinte anos, cando se montaban centros de arte por todo o estado e había adquisicións de obra remataron, e agora vese que aquilo era algo relativamente intanxible. Moitas veces estaba sostido unicamente por subvencións ou eran un ámbito restrinxido a determinados privilexiados que dependían das conxunturas políticas”, sinala. A crise non é só económica senón que anuncia unha importante mudanza no xeito no que se arte contemporánea se desenvolve no noso país. Por exemplo, Suso Fandiño realizou unha intervención na que sinalou “a desconsideración que se lle ten ao sector das artes visuais contemporáneas na sociedade” e, cunha forte autocrítica aos propios creadores, segundo lembra Penelas, avanzou na idea de apostar pola mercantilización sen complexos da actividade e da produción artística. “Sen necesidade de cousificar totalmente a produción artística, Fandiño puxo exemplos de creadores británicos destacados a nivel internacional que venden imáns de neveira, discos ou camisetas”, lembra Penelas. Canda a isto debatéronse cuestións como a pegada do artista na sociedade e como esta pode diferir do mercado. “Hai xente que pode ter un certo éxito a nivel local, pero que non se move fóra. Mentres, outros que venden menos fan obradoiros, exposicións ou actividades fóra sen ter tanta consideración, e posiblemente acheguen máis a sociedade”.

A busca de espazos alternativos
Dentro dos novos movementos na arte, o encontro traballou tamén a cuestión dos novos espazos expositivos que están a xurdir nos últimos anos no noso país. Espazos de pequeno tamaño, que rachan o concepto tradicional de galería e de museo e que achegan a arte de novos xeitos ao público. El Halcón Milenario, Espacio Sirvent, Amalgama ou o Furancho de Arte Contemporánea preséntase como unha mostra de iniciativas neste sentido. “Houbo acordo en que sempre se deu un pulo polo nacemento destes espazos, xa desde os anos oitenta coas loitas de Atlántica. Hoxe repítense algúns esquemas, hai voluntarismos e búscanse espazos atípicos que en ocasións non acadan condicións básicas para a exhibición e que non contan con medios técnicos ou almacéns. No entanto, aí vese a efervescencia da creatividade, e hai quen o vencella con propostas a prol da mancomunidade. Outros apuntan que este tipo de iniciativas están condenadas a ter un carácter efémero, poden durar un dou dous anos, como foi o caso de Amalgama en Vigo, recentemente fechada”. Segundo lembra Penelas, varios dos asistentes ao encontro relacionaron este interese en atopar novos espazos “coa visión que existe das institucións consolidadas como territorios fechados e restrinxidos a proxectos para xente de prestixio que non se achegan á realidade do que pasa”. Este afastamento fai que, tamén a nivel de comisariado “desde este ámbito a miúdo detéctase unha repetición excesiva dos mesmos nomes cos mesmos artistas, pero tamén é certo que non hai moita xente que propoña cousas de xeito contundente, o que favorece esa repetición”.

Creación influída pola crise
A situación actual do sector está a influír mesmo a nivel do que se crea e do xeito no que se fai. Segundo recoñeceron algúns dos asistentes “a creación está máis retraída. Hai xente que agarda a que a chamen ou a conviden a participar nalgunha exposición para pórse a desenvolver algún proxecto, atendendo os custos que se poden asumir na produción, e todos coincidimos en que iso é un erro”, explica Penelas. Canda a isto, “está se detectar moito interese temático pola crise e por traballar a identidade social e económica desde a arte. Hai desde propostas reivindicativas ata outras que apostan pola crítica ou o absurdo. Tamén se observa moito traballo sobre a idea de arquivos. A arte visual achégase deste xeito a ámbitos como o cinema, a moda ou a gastronomía. En xeral detéctase un interese por contidos de tipo antropolóxico, por contar o qué somos, de onde vimos e tirar conclusións de aí”.

Menos mediadores
A xornada do venres, centrada na intermediación e atendendo ao traballo de críticos, comisarios e formadores, apuntouse a problemática profesional destes ámbitos, agudizada pola crise económica. “Na prensa escrita practicamente non existen contidos de crítica artística, e a miúdo faise buscando agradar aos programadores”, explica Panelas. A falta de oportunidades para este oficio coincide con problemas para os comisarios. “Dáse un certo papanatismo a nivel de centros, tanto por parte de fundacións como de entidades como o CGAC ou a Cidade da Cultura, de buscar comisarios fóra, e iso está ben en canto favorece o intercambio, pero dan pouco xogo e dificultan que a xente de aquí traballe”. En paralelo a isto, obsérvase en moitos centros o recurso de montar exposicións con fondos de coleccións ou intercambiando material. “En moitos casos fanse mostras colectivas que non achegan novidades nin supoñen investigación a nivel artístico ou social”. A escasa presenza destes mediadores no panorama galego dificulta, segundo Penelas, unha maior pegada social do sector. “En xeral a consideración na sociedade é que a arte contemporánea é unha tomadura de pelo. É certo que non se pode agardar que este sexa un terreo calmo, pero ás veces cómpre facer autocrítica e ver se estamos a facer algo mal para que o público non entenda as obras. Faltan tamén aspectos divulgativos, pénsase no artista como alguén que debe estar obsesionado coa creación, pero os mediadores deben contribuír que estes discursos teñan relación co que lle acontece á xente”.
As reflexións sobre o sector continúan esta semana nas dúas seguintes xeiras das xornadas, unha dedicada ao papel das institucións e outra centrada no mercado. Será os vindeiros mércores e xoves no Consello da Cultura, en Compostela.