
Os imperativos económicos tamén levan a que o CDG aposte por un modelo de exhibición novo. As furias manterase en cartel no Salón Teatro de Compostela, sede do CDG, durante dous meses, e a continuación realizará unha xira menor do habitual. "Achegarase a cidades como Pontevedra, Vigo e a Coruña, non será tan grande como en anos anteriores", explicou Cendán na presentación do espectáculo. "É difícil programar nestes tempos. Estamos a traballar con Novacaixagalicia e mais coa Cidade da Cultura con vistas a poder abordar este proxecto", apuntou. No caso de haber unha boa resposta do público poderíase ampliar a itinerancia ao longo de 2013.
Canda este anuncio presentouse tamén a programación so Salón Teatro ata o vindeiro mes de outubro, que contempla máis de 40 actuacións escénicas e musicais. Entre outras propostas, continuarase co ciclo ST Música Presente, no seo do cal programaranse 5 actuacións. Liorna (22 de marzo), Riobó (26 de abril), Borja Cao Trío (10 de maio), Ugia Pedreira e Fred Martins (7 de xuño) e Loaira (14 de xuño) son as propostas deste semestre. A partir de outubro haberá tres novas actuacíóns do ciclo.
Dentro do programa haberá espazo para varias estreas de teatro. Winnie son eu de Pífano Teatro, Área de descanso do dúo Gayo Pinheiro ou Sesión Nº1, coa que debuta O Fantabuloso Cine Ambulante dos Irmáns Lumieira son as propostas que se poderán ver nas táboas do teatro. Oeste solitario e mais 0'7% Molotov son outras das iniciativas que se porán en escena.
A programación arrinca xa o venres nove de marzo coa reprepresentación de Materia prima, unha mestura de teatro e danza que interpretan nenos de dez anos a cargo da compañía La Tristura.