Amaro e Iván Ferreiro, Eladio y los Seres Queridos, Ibán Marciano, March, Meteoro Dj, Nicolás Pastoriza, Paco Catpeople, Pedrito Diablo y los Cadáveras, Silvia Superstar, Thee Tumbitas e Triángulo de Amor Bizarro tocarán con The Blows o vindeiro 22 de decembro. A Sala Mondo de Vigo acollerá a partir das 21h o concerto solidario que organiza esta formación para recadar fondos cos que cubrir o tratamento para o cancro que padece o seu baixista. As entradas estarán a un prezo de dez euros, e ademais de música, os asistentes poderán puxar por obxectos de memorabilia dos grupos que participan. A formación habilitou tamén unha conta corrente na que se poden facer achegas a esta causa, e anuncian sorpresas para a ocasión.