A imaxe da nosa fotografía

O Outono Fotográfico enfróntase a unha xeira de transición logo do falecemento de Benito Losada

Foto da serie <i>Paisaxes transferidas</i> de Ana María Sánchez
Foto da serie Paisaxes transferidas de Ana María Sánchez
O Outono Fotográfico de Ourense quere sobrevivirlle ao seu creador. A cita máis importante dedicada a esta arte no noso país enfróntase á súa primeira edición sen Benito Losada e logra manter, malia á crise, o nivel de anos anteriores. No entanto, os seus coordinadores son conscientes de que estamos nunha fase de transición e de que o evento se enfronta a un momento crucial na súa historia.

A crise económica, que comprometeu parte dos apoios económicos cos que contaba tradicionalmente o evento e atrasou a confirmación de determinados investimentos públicos e, sobre todo, o falecemento de Benito Losada, alma máter do proxecto, marcan de xeito destacado a XXIX Edición do Outono Fotográfico de Ourense que se está a celebrar estes meses no noso país. No entanto, as cifras amosan que se conseguiu manter a magnitude dun evento que agrupa as principais manifestacións desta arte no noso país durante a súa celebración. Un total de 110 exposicións en 90 salas, todo cun orzamento directo de só 20.000 euros (sen contar o funcionamento das salas), amosan que, en principio, a cita ten posibilidades de seguir adiante sen o seu fundador.

A pegada do fundador
A ausencia de Losada é a primeira cuestión que lembra Xosé Lois Vázquez, coordinador canda a Xacobe Meléndrez desta edición, ao falar do Outono Fotográfico. “Para alén de imaxinar o Outono foi quen de o dirixir durante 28 anos”. O impulso e a pegada de Losada no sector foi fundamental, segundo os actuais coordinadores, á hora de artellar a actual edición. “Atopamos unha disposición excelente de todo o mundo, salas, fotógrafos e colaboradores, e iso foi grazas á pegada que deixou Benito”. Canda á colaboración, os coordinadores tamén conseguiron involucrar novos patrocinadores, particularmente a Concellería de Xuventude de Ourense, que cubriron o descenso nas achegas públicas ao programa. “Desta volta tentamos repetir o que el facía con moi poucos cambios”, recoñece Vázquez. E é que, ao respecto pola memoria de Losada sumouse tamén unha certa premura, xa que foi no mes de xullo cando se botou a andar o traballo.

Unha rede de fotografías
Precisamente o modo no que funciona o Outono é unha das principais peculiaridades deste festival. “Era o xeito de traballar de Benito, o que chamabamos polinización sociocultural. El sempre buscaba elementos activos en calquera campo e logo púñaos en contacto e busca ámbitos de convivencia”. Deste xeito, o Outono funciona aínda hoxe como unha rede na que se integra programación de galerías, exposicións de entidades bancarias ou actividades de diferentes colectivos, como é o caso, nesta edición, dos certames organizados pola Fundación Curros Enríquez ou a Casa da Xuventude de Chantada, entre outros, ou a integración no programa da exposición de Ruth Mathilda Anderson de Novacaixagalicia. “Supón unha grande loxlística relacionar todas estas mostras e salas, por sorte conteamos cunha colaboración enorme por parte do persoal da Casa da Xuventude de Ourense”. No entanto, Vázquez recoñece que a longa traxectoria do evento facilita en boa medida o traballo. “Realmente, durante os primeiros quince ou vinte anos tivo que ser moi duro. Co tempo o Outono acabou sento unha marca que define o territorio da fotografía en Galicia desde finais de outubro ata finais de decembro, e moita xente incorpora a súa programación ao evento, do cal todos se benefician”.

A importancia
Malia a que conserva no seu nome a ourensanidade, hai xa anos que o Outono Fotográfico traspasou as fronteiras provinciais e se converteu nunha cita galega. “En porcentaxe da programación máis do 15% se desenvolve fóra. E esta tendencia vai medrar no futuro. Estamos a falar con galerías de diferentes vilas, mesmo de fóra de Galicia, para que integren a súa programación e tamén queriamos expandir a colaboración con outros festivais”. Vázquez non dubida en subliñar a importancia cultural dun evento que, ao seu ver, “funciona como un mostreo etnolóxico do estado da fotografía en Galicia. É unha grande cantidade de fotógrafos dos cales o 80% produce contidos específicos para este evento. Ten unha trascendencia a nivel galego”. A iniciar neste campo, apunta que “máis do que unha feira profesional, que non é, falamos dun museo temporal que elabora coñecemento a través dos proxectos fotográficos, pono en circulación e interactúa cos visitantes”.

Continuar
Os novos coordinadores teñen unha idea clara de por onde queren levar o evento, aínda que, como corresponde á época, recoñecen que “todo vai depender do tema económico”. Desde xeito, o Outono seguirá a ser un proxecto de base “no que poden participar desde un fotógrafo novel ata un profesional, así como calquera sala”. Como novidade, avogan por dotar o evento “dunha parte consistente de produción propia no campo do comisariado, coa intención de crear liñas de reflexión fotográfica”. De calquera xeito, será ao remate desta edición cando se analicen a fondo as posibilidades de cara ao futuro. O que teñen claro Vázquez e mais Meléndrez é que o futuro pasa pola constitución da Fundación Benito Losada, coa que pretende conseguirse unha continuidade nos fondos para as actividades nas que se implicara o falecido director da Casa da Xuventude de Ourense. Contando xa cos parabéns do Concello e mais da Deputación de Ourense, “Estamos pendentes do apoio das consellarías de Cultura e de Xuventude e mais do Consello da Cultura Galega. Agardamos que entre todos poidamos manter o Outono e mais as Xornadas de Banda Deseñada”, sinala Vázquez. No caso de non conseguir desenvolver este proxecto, “buscariamos patrocinios privados e habería que redimensionar o evento aos orzamentos dispoñibles”. A economía, como non, marca a viabilidade do evento para futuras edicións, aínda que Vázquez salienta o enorme beneficio que logra o Outono en relación aos seus custos. “Se o medísemos por rendibilidade e isto fose unha empresa, sería das máis rendibles de Europa. Resulta incrible con qué pouco esforzo económico directo se consegue tanta repercusión. A cultura en xeral é así de rendible, pero é tamén a primeira en padecer a crise”.
A sección O contorno natural e construído do catálogo do Outono Fotográfico.