Manuel Rivas presenta O máis estraño

O volume recolle a súa produción de contos en galegos e mais un relato inédito

| Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

Un total de 81 relatos repartidos en cinco títulos é o que achega O máis estraño, a colectánea de contos que presentaba esta mañá Manuel Rivas na libraría Couceiro de Santiago. A obra, que ve a luz da man de Xerais, inclúe ademais tres relatos, O espertar da criada, O misterio de Uz e A sombra dun soño, dos cales os dous primeiro saíran incluídos na última edición do libro Ela, maldita alma e o último é totalmente inédito.

Segundo explicou Manuel Bragado, editor de Xerais, o volume, encadernado en tapa dura, ten "intención de perdurar", e sinalou que ten un carácter "fulcral no catálogo da editorial" e que "será unha das alfaias de Xerais", ao tempo que apuntou que "é unha obra que ficará para a posteridade".

Pola súa banda, Rivas sinalou as dificultades que lle supuxo enfrontarse a esta edición. "Está o dilema de se intervir moito nas pegadas do pasado", pero recoñeceu que finalmente, aínda que someteu ao libro a unha unificación estilística "a revisión fíxose sen alterar as estruturas e as tramas, quero pensar que como o canteiro que esculpe no tempo". Ademais, o escritor tivo a tentación de realizar unha escolma e de eliminar algúns dos relatos que finalemente aparecen no volume. "Na escrita hai unha sensación de insatisfacción permanente, e mesmo arrepentimento, entón esta é unha tentación natural", recoñeceu. Ademais, apuntou que "os contos teñen días e vense con máis ou menos brillo, como os escaravellos e os ollares. E precisamente algúns dos mellores contos so os que coxean".

Encol do título do volume, apuntou que está relacionado coa idea do ser humano "como o máis estraño do universo", e da escrita "como un proceso de esclarecemento que tamén funciona ao inverso. A literatura achégase a un segredo pero ao tempo vai enigmatizando".

A obra está tamén editada en castelán da man de Alfaguara.

Que che parece esta nova?
49 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Para saber máis

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Manuel Rivas, Contos, Manuel Bragado, Literatura

Claves

Conceptos