Domingo Docampo reclama a elaboración dun Libro Branco da Sociedade da Información que conte con tódolos axentes sociais"

Domingo Docampo: "A Xunta debe contar con todos para actuar na Sociedade da Información"

O rector da Universidade de Vigo amósase optimista ante o futuro da Sociedade da Información en Galicia. "Estamos formando un capital humano con moitas posibilidades para a nova economía", manifesta, pero demanda a creación urxente dun Plan director dirixido pola Xunta que conte con tódolos axentes sociais.

Domingo Docampo, rector da Universidade de Vigo dende 1998 e autor dun dos libros que máis dá que falar nos últimos meses: “Tecnoloxías das comunicacións. Unha visión dende Galicia” (Xerais), no que aborda de xeito divulgativo cal é o papel dos novos sistemas de comunicación na Galicia actual.



En Galicia non é habitual a publicación de libros divulgativos sobre tecnoloxía. ¿Por qué decidiu dar este paso?



Este é un libro que aspira a non ser só de divulgación, é tamén ensaístico. Estudia o que supón o fenómeno das novas tecnoloxías asociado a asuntos tales como a globalización, o futuro da educación ou do libro, ou os comportamentos das sociedades. Aproveitei, ó tempo que falaba desta parte ensaística, a introducir de maneira divulgativa unha explicación sobre o que entendemos por novas tecnoloxías a nivel de servicios, infraestructuras, accesos, e un pouco polo miúdo daqueles aspectos que lle poden interesar a un cidadán ou un usuario das novas tecnoloxías. Creo que o libro pode cumprir esa dobre función. ¿E por que Galicia? Aquí non hai moitos libros dirixidos a un público xeral sobre tecnoloxía pero poucos para aquela xente que non ten unha cultura científica previa.



Lendo o libro dame a impresión de que concibe á tecnoloxía como algo transversal a toda a sociedade. ¿Cal é a relación da sociedade galega coa tecnoloxía e a súa apreciación sobre ela?



A sociedade galega non foi unha sociedade que absorbera de xeito inmediato os avances científicos ou tecnolóxicos. Hai que recoñecer que temos un atraso e, por exemplo, as infraestructuras de transporte e comunicacións foron chegando máis tarde que a outros lugares. Pero dende o punto de vista do que se veñen chamando as novas tecnoloxías, eu non advirto que se veña percibindo unha diferencia entre Galicia e outras partes de España, aínda que si de Europa con respecto ós Estados Unidos ou o Xapón. O feito de xa estar expostos ós medios audiovisuais dende hai décadas fixo que nos 90, a medida que ían chegando máis posibilidades ós cidadáns, non se notase especialmente o atraso en Galicia. Por suposto, imos máis lentos na absorción dalgunhas tecnoloxías, como os accesos a Internet ou no número de liñas telefónicas por habitante. Somos usuarios coma os demais pero temos un certo nivel de ralentización.



En acceso a Internet somos a terceira comunidade pola cola...



Eu coido que Galicia dende sempre é unha sociedade cunha compoñente fortemente rural, parte da poboación non está conectada directamente con zonas nas que hai unha influencia clarísima. Se puideramos medir con precisión o impacto ía ser moi diferente a incidencia da Galicia costeira con respecto á Galicia interior. A estructura galega fai que os avances cheguen dende o mar cara dentro. Sen embargo, hai procesos que se poden acelerar. Unha decidida aposta por parte de quen ten capacidade de sumar esforzos, das Administracións públicas, dos proveedores de tecnoloxías, dos operadores e dos que nos adicamos ó mundo da educación pode conseguir fórmulas que permitan acelerar a penetración de Internet, como foi o caso de Portugal. O norte de Portugal ten unha sociedade que non se distingue moito da nosa, cuns niveis de desenvolvemento parello. Alí, a política levada a cabo polo Ministerio correspondente foi sustantiva, porque saltou de estar por debaixo de Galicia a estar por riba de Cataluña.



¿Pero entón que é o que falla aquí?



Aquí houbo unha aposta polas telecomunicacións ó principio da década dos noventa por parte do Goberno galego moi seria, con vocación de futuro, tivo visión a longo prazo por apostar polas infraestructuras de comunicacións, por que a rede galega de investigación se construíra inmediatamente e os centros de investigación e as administracións públicas estiveran conectadas por redes de alta velocidade. O propio exemplo do sistema de telefonía para o rural, que hoxe vimos que agachaba unha pequena trampa, pero que de aquela resolveu o problema. Incluso o feito do Libro Branco das Telecomunicacións do ano 1994, que foi da man dun operador, pero supuña naquel momento tomarse as telecomunicacións con interese. Incluso foi unha época moi interesante no sector do audiovisual coa CRTVG e a partir daquel momento hoxe hai xente que fai cine, televisión, animación e mesmo producción . Eu creo que ó final da década dos 90 este debate perdeu impulso. Coa entrada da Rede Dixital de Servicios Integrados Galicia puido dar un salto de xigante pero fallou o ‘para que’ ou ‘por que’ me teño que meter eu aí, e por que teño que dar un salto que me implica un gasto máis que non se subvenciona.



Vostede indicou que vostede confiaba no potencial humano que nestes momentos se está a formar nas Universidades galegas relacionado coa Sociedade da Información. ¿É posible constatar se esas novas xeracións de licenciados están a aproveitarse xa das posibilidades ou é unha visión a medio prazo?



A medio prazo está o feito de que cada vez máis os estudiantes veñen máis formados nas novas tecnoloxías. Os rapaces utilizan as consolas para videoxogos, métense na rede para xogar en grupo, están moi metidos no mundo da imaxe. Nestes momentos os estudiantes universitarios son persoas que teñen moita facilidade para as novas tecnoloxías. O que temos aquí é titulados e disciplinas moi preto do que sería a creación de empresas de novas tecnoloxías, como telecos, informáticos, físicos electrónicos, matemáticos e pola parte humanística temos os xornalistas, belas artes, economistas, publicistas, e disciplinas moi relacionadas. Hai titulados con moi boa cualificación que xa se están movendo moito. Polo tanto hai un caldo de cultivo para proxectos empresariais.



"A PERDA DE CAPITAL HUMANO SEMPRE LLE OCURRIRÁ A GALICIA"



Nos círculos de Internet en Galicia fálase moito de xente válida que decidiu marchar fóra. ¿Cre que estamos ante unha fuxida de capital humano no sector?



Iso sempre lle ocurrirá a Galicia e a case tódolos puntos do mundo con respecto ós grandes centros xeopolíticos. En Europa, pasa con Londres, Madrid, Bruxelas, Barcelona. Unha certa parte dos recursos humanos que se forman en Europa van tender de xeito natural, se queren progresar nas súas carreiras, a formarse nos grandes centros. E iso é o normal para todos, porque xenera competencia. Nese sentido, non penso nesa visión de que estamos aquí formando as cabezas que outros aproveitan, coido que a cuestión está en que nós formamos á xente dándolles as máximas posibilidades e despois eles decidirán se prefiren sacrificar unha carreira rápida por un proxecto máis a medio ou longo prazo pero afincándose aquí. Moitos deles farán tódalas viaxes posibles. Eu coido que canta máis xente consiga chegar ó cumio profesional en carreiras de novas tecnoloxías estarán sementando o futuro porque moitos ó chegaren a unha idade intermedia tamén quererán disfrutar a vida retornando e montando aquí proxectos.



No caso de Internet en Galicia a partires de mediados da década dos noventa xurdiron moitas empresas de Internet e hoxe moitas están a pechar. ¿Como pensa que atoparemos o panorama de Internet nos vindeiros anos?



Estes procesos que ocorreron no ano 2000 ou 2001, que foi un requecemento excesivo do clima bolsista das novas tecnoloxías provocaron un estoupido que foi tremendo, pero eu creo que se vemos o tendencia e eliminamos o factor que poida supor unha turbulencia no sistema, o que se pode observar é que a xente cada vez está collendo máis confianza nas capacidades de Internet como un medio de aprendizaxe, de transferencia de información. Simplemente as expectativas de negocio que estaban sobrevaloradas, agora están infravaloradas e chegará un momento no que estean correctamente valoradas. Eu creo que a xente cada vez máis aspira a ter máis mecanismos para exercer os seus dereitos, comprar e moverse con máis posibilidades. Por exemplo, neste contexto de turbulencia tecnolóxica, os móbiles seguiron o seu camiño imparable para a saturación do mercado, porque era unha tecnoloxía fiable, que resolvía problemas e que resultaba útil.



Os propios medios electrónicos, nestes anos de crise, incrementaron audiencia...



O que demostra que o que é útil para a sociedade triúnfa. Pero a xente non acaba de ver cales son os beneficios de instalar o ADSL, por exemplo. Na tecnoloxía o máis importante non é o como nin o que, senón o para que e o por que. Hai unha certa parte de usuarios en todo o mundo que utiliza todo tipo de trebellos, pero moita outra non. Espera a ver se hai algo detrás. Eu creo que na medida que as empresas ou as pequenas ideas que se poñan en marcha en que busquen de verdade a solución de problemas, en que atopen como abrir mercados, se producirá un avance. Hai unha simbiose que se produce entre as grandes multinacionais, que son as que tiran os mercados, e as pequenas empresas, que moitas veces son as que descobren unha aplicación útil, porque inmediatamente se pode producir unha alianza estratéxica entre o gran operador e a pequena empresa. Non é doado chegar ó mundo se non pasas por alguén importante. Eu coido que o futuro para Internet está por escribir. Estamos falando de algo que está nacendo.



O que é moi difícil é penetrar no mundo da tecnoloxía. En Galicia hai empresas de tecnoloxía, como Televés, que é importante, pero saben perfectamente que ocupan un lugar subsidiario doutras empresas. Pero unha empresa que pense no nicho de mercado, de como penetrar no fogar do usuario, sempre vai atopar solucións a problemas que detectan. Nese sentido, coido que vai haber moitísimas oportunidades no futuro.



Hai xente que di que perdemos o tren...



En absoluto. Dende o punto de vista do usuario, sempre se producen oportunidades novas.



Así que para vostede o futuro en Galicia sería aproveitar esa tecnoloxía para facer contidos e servicios.



Absolutamente. O máis importante é usar a tecnoloxía. Vexamos o exemplo de Zara, que para min é o exemplo paradigmático de empresa da nova economía. Non é un chiringuito nin especulación, senón absorción de tecnoloxía. É un sistema de información e producción perfectamente integrado e absorberon as tecnoloxías de forma que están perfectamente integradas na dinámica de producción, recollida de datos en tódolos puntos de venda, que actúan ó mesmo tempo como puntos de rastreo dos intereses dos cidadáns. E fixérono coa tecnoloxía dispoñible, non tiveron que desenvolvela. Non perdamos o optimismo.



"PERCIBO FALTA DE UNIDADE NA XUNTA E PENSO ¿QUEN É A CABEZA VISIBLE EN GALICIA DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN"



Vostede sinalaba que se estaban a producir problemas na Administración, nos políticos, na aplicación de directrices e plans xerais. ¿Cales considera vostede que son estes problemas?




En Galicia está o esforzo feito pola Consellería da Cultura, de Educación, de Presidencia e despois a Rede que está levada entre a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Consellería de Cultura, logo está unha empresa de xestión de redes, Retegal, levada polo propio Goberno. Eu percibo falta de unidade e penso ¿quen é a cabeza visible en Galicia da Sociedade da Información? Pois está diluída, esa é a miña impresión. Dende fóra teño a percepción de que non hai un instrumento que sexa o realmente responsable de que non hai un avance da sociedade da información e poida xuntar todos estes esforzos, sentido e contido da Xunta de Galicia.



Algo semellante ó que existe en Cataluña, na que hai unha consellería específica. ..



É o caso. En Cataluña hai unha Consellería de Universidades e Sociedade da Información e a partir de aí hai unha Secretaría Xeral para a Sociedade da Información e hai un plan concreto, “Catalunya en Xarxa”, no que conseguiron que tódolos axentes sociais estiveran vencellados. Ou sexa que o xeito de facer o Libro Branco “Catalunya en Xarxa” non foi encargarllo a un operador concreto, senón que participaron tódolos axentes sociais de Cataluña dende o punto de vista da infraestructura, dos contidos, da investigación, do mundo do espectáculo e dos medios, e se puxo á fronte dese proxecto a unha persoa independente, con capacidade. Despois aproveitouse o traballo dese grupo para desenvolver políticas concretas. Iso aquí non acabou de funcionar e penso que se debía facer máis. O exemplo de Portugal indica que non é tan difícil facelo.



En Galicia non pode haber unha política de arriba abaixo, senón unha política na que se conte con tódolos axentes sociais e, entre eles, operadores ou fornecedores de tecnoloxía, pero non encargarlles a eles que os fagan, senón contar con eles para que, cando se fagan plans mobilizadores, estean eles presentes. Non é para facer negocio hoxe, senón para facer negocio mañá.



Hai unha serie de iniciativas como poden ser a subvención na compra de equipos, que en parte solucionase as cuestións de equipo informático. ¿De que forma unha Administración autonómica podería incentivar o acceso ás novas tecnoloxías?



Hai diversos instrumentos. Eu diría que para Galicia o exemplo portugués pode ser máis doado que o exemplo catalán. O catalán parte dunha situación social, diríamos, ideal. Para empezar, dunha industria de electrónica de consumo potentísima, que tivo sempre a súa base en Barcelona. Iso provocou un caldo de cultivo que aquí non temos. E logo a sociedade catalana ten un nivel de desenvolvemento moi por riba do noso, polo tanto hai que ter coidado na comparación entre dúas sociedades distintas. En cambio, Portugal parécese un pouco máis a Galicia e non ten tampouco un tecido industrial propio. Polo tanto, debería haber un pacto grande entre a Administración pública, a Academia, os centros de investigación, os operadores de telecomunicacións, os fornecedores de tecnoloxía e con todos eles iniciar un plano e modificar algúns parámetros, coma o número de persoas que non teñen un ordenador na casa ou número de persoas que non teñen Internet. Deberiamos falar de créditos brandos das entidades financeiras, ou subvencións concretas, ou subvencionar en Galicia os accesos a Internet . Se se financian as autoestradas e os coches, supoño que tamén se deberían financiar as autoestradas da información e os ordenadores. O obxectivo final é que todo iso sirva para que a xente utilice máis a tecnoloxía.