Unha vintena de editoras galegas participan na Feira do Libro de Frankfurt

Cultura presentará as traducións ao inglés de Pereiro e de Cunqueiro

Un posto de sesenta e catro metros cadrados acolle a representación de 19 selos editoriais galegos na Feira do Libro de Francfort, que se desenvolve nesta cidade ata o vindeiro domingo. Como é habitual, é un posto conxunto da Consellaría de Cultura e da Asociación Galega de Editores o que dá cobertura á maior parte das firmas do país. En concreto, fan parte desta representación Edicións Tambre, Xerais, Biblos, Ir Indo Edicións, Kalandraka, Nova Galicia, Galaxia, Hércules, Everest, Espiral Maior, Toxosoutos, Baía, Ideaspropias, OQO, Linteo, Embora, Andavira Editora, Rinoceronte e Alvarellos.

No entanto, Xerais está tamén representado no posto do grupo Anaya e Kalandraka conta cun propio. Canda a eles, salienta a presenza neste evento da coruñesa Libraría Formatos, especializada en arquitectura, deseño, fotografía e moda. A Universidade de Vigo estará presente no evento cun posto conxunto con outras institucións académicas do Estado. No marco deste evento, a Xunta presentará na tarde de mañá a tradución ao inglés dos Collected poems de Lois Pereiro e mais Folks from Here and There de Álvaro Cunqueiro.