Galaxia continúa a súa aposta polo libro dixital

A editora consolida a colaboración con Google e intégrase en diferentes plataformas de venda

As publicacións dixitais de Galaxia estarán dispoñibles a partir de comezos de 2012 no catálogo de Google eBooks para España. A editora viguesa continúa así a colaboración coa multinacional de Internet, coa que xa puxo na rede fondos na aplicación Google Books. Canda a isto, Galaxia adiantou onte, no marco das xornadas do Cluster do Produto Gráfico Galego que se celebran e Compostela as liñas estratéxicas da súa aposta polo libro dixital.

Deste xeito, un dos eixes nos que se centrará a editora é na aplicación de recursos interactivos como complemento para libros de texto. En concreto, serán materiais para 2º e 4º da ESO para Lingua Galega e Literatura, que completan os xa editados para 1º e 3º deste ciclo. Entre estes atópanse audios, propostas didácticas, solucións para actividades e outros recursos interactivos.

Ademais, canda a novos títulos vencellados á iniciativa Contoplanet, a editora porá en marcha un web de contos interactivos que serán accesible na rede desde diferentes dispositivos.

A nivel de libro electrónico, Galaxia confirma a súa aposta polo formato ePub, e adianta que os seus fondos se poderán adquirir na vindeira plataforma e venda dixital que prevé pór en marcha a Asociación Galega de Editores este mesmo outono. Finalemente, a máis longo prazo, a editora adianta a creación dunha Plataforma de Xestión Dixital da cultura galega que sirva para difundir os libros electrónicos desenvolvido no noso país.