A proposta de Plan Director para a Rede Natura crea polémica

A Xunta autoriza a instalación de piscifactorías en áreas protexidas

A Consellaría de Medio Rural presentaba onte, seis meses despois de que expirase o prazo dado pola Unión Europea, a súa proposta de Plan Director da Rede Natura 2000. O texto, que está aberto agora a alegacións durante 30 días, organiza e xestiona 59 Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) e 16 Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) que se integran nesta Rede. O feito de que o texto presentado abre a posibilidade de que se instalen piscifactorías en áreas baixo esta figura provocou xa polémica con diferentes colectivos ecoloxistas e grupos políticos que anunciaron que reclamarán o proxecto presentado.

Aínda que a proposta da Consellaría veta a instalación nestas áreas de novas canteiras, parques eólicos ou centrais hidroeléctricas, si que contempla a repotenciación das estruturas de produción enerxética, e achega unha maior permisividade con instalacións agropecuarias en determinadas zonas proxetidas.

Finalmente, Samuel Juárez, responsable de Medio Rural, anunciou para os vindeiros meses unha proposta de ampliación da Rede que chegará ao 16% do territorio, dous puntos menos da proposta do anterior goberno da Xunta. Mesmo con esta ampliación, o noso país continuará como última comunidade do Estado en superficie protexida con esta figura.
Proposta de Medio Rural para o Plan Director da Rede Natura 2000.