O Dosier Pereiro

Poesiagalega.org presenta un detallado dosier de contidos sobre o homenaxeado no Día das Letras

| Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:
O Dosier Pereiro

Son preto de 140 páxinas de entrevistas, recensións ou críticas desde os anos oitenta. O arquivo de poéticas contemporáneas na cultura, Poesiagalega.org recupera todo o material que ten acumulado sobre Lois Pereiro e achéganos auténticos tesouros. Artigos, gravacións audiovisuais e de audio, entrevistas ou fotografías achégannos de xeito diferente ao homenaxeado deste Día das Letras.

Segundo explica Arturo Casas, responsable deste proxecto, “O que facemos é aproveitar a documentación que xa temos integrada na nosa base de datos e xuntámola de xeito que a xente o pode atopar facilmente. Ademais, realizamos unha edición deste material en formato pdf para libre descarga, con preto de 140 páxinas”. Aínda que recoñece que “ata este ano a produción crítica sobra el era relativamente escasa, hai un monográfico de Luzes da Galiza, outro de Dorna e diferentes recensións”.

Entre o material que recompila o equipo de Poesiagalega.org, atopamos catro entrevistas co propio Pereiro realizadas entre 1985 e os anos noventa que permiten coñecer mellor a figura do poeta. “a posibilidade de que os lectores accedan a estas entrevistas paréceme moi interesante. Nelas o autor fala da súa poesía, de Galicia e mesmo do seu público”. Canda a isto, recupéranse recensións sobre a súa obra publicadas en xornais ou en revistas de poesía que hoxe son difícis de atopar, o que nos permite coñecer polo miúdo a recepción da obra de Pereiro na súa propia época.

Ademais de textos, o repositorio inclúe videos de diferentes actos sobre o poeta, como o recital de aniversario do grupo De amor e desamor. Ademais, hai fotografías, e mesmo o arquivo de sons que recolle ao propio Pereiro recitando no pub Moca da Coruña en 1996. Canda á posibilidade de acceder a estes materiais a través da propia web, o Grupo Alea de Análise Poética publicou un PDF no que recolle tanto os textos como as referencias ás entradas audiovisuais.

Que che parece esta nova?
61 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

O percurso de Pereiro

O percurso de Pereiro

O autor homenaxeado nas Letras 2011 reflicte na súa biografía a época en que lle tocou vivir

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Lois Pereiro, Poesía, Arturo Casas, Luzes...

Claves

Protagonistas
Entidades