Descende un 8 por cento a recadación por dereitos de autor en Galicia, malia o efecto Xacobeo

A SGAE ingresou 18.46 millóns de euros durante o ano 2010

O Xacobeo deixou unha pegada importante no balance de contas da Sociedade Xeral de Autor e Editores (SGAE) en Galicia. Segundo asegurou Javier Vidal, director da SGAE Noroeste, a crise notouse nesta edición e a recadación por dereitos de autor situouse en 18.46 millóns de euros, que supuxo un descenso do 8% con respecto ao ano anterior. Unha cifra amortiguada polo tirón do Xacobeo que fixo posible, en palabras de Vidal, que “tiveramos un significativo ascenso na música ao vivo, que supuxo un 14.24% máis que no 2009 que, sen ese programa quedaría nun 4% de incremento”. Vidal aproveitou para apuntar que aumentaron os socios en Galicia e que superaron a “barreira dos tres mil autores, concentrados principalmente entre Coruña e Pontevedra”.

En canto os espectáculos máis dereitos de autor xeraron foron Patito Feo, o musical Hoy no me puedo levantar en artes escénicas; o Festival Xacobeo e os concertos de Sabina en música ao vivo; e, en música clásica, a Orquestra Sinfónica de Galicia copa os cinco primeiros postos de recadación. Con todo, os ingresos por música clásica descenden por segundo ano consecutivo.

As débedas
Javier Vidal cuantificou en tres millóns de euros, a débeda acumulada por empresas públicas e privadas que non están ao corrente co pagamento cos autores. Con todo, destacou o “descenso do número de demandas xudiciais” por parte desta entidade, que “evita os pleitos polo custe de imaxe que supoñen”.
Ligazóns