Presentacións e actividades para promover a literatura galega en Bos Aires

Fai parte do programa para a Feira do Libro máis importante do mercado latinoamericano

Estes días desenvólvese en Bos Aires a 27 edición da Feira do Libro. Unha efeméride que este ano ten un significado especial, ao coincidir coa declaración de Bos Aires como Capital Mundial do Libro. Unha cita na que a literatura galega está presente de varias maneiras. Dunha banda co espazo institucional co que a Xunta presenta o labor editorial de 15 empresas, ao que se lle une un programa de actividades que inclúe desde presentación, accións divulgativas fóra do recinto e promoción a cargo de contacontos (Cándido Pazó leva o seu último espectáculo). Doutra banda, está o labor que realizan as editoras pola súa parte, como Kalandraka, que está presente en tres localizacións distintas da feira e conta cun programa específico de promoción. O director xeral do libro, Franciso López Barxas, está presente nas actividades convocadas e nas que destaca unha videoconferencia con Xosé Neira Vilas para falar do 50 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego.

As empresas presentes baixo o paraugas institucional nesta edición son Galaxia, Everest, Kalandraka, Obradoiro gráfico, Biblos, Sotelo Balnco, Ir Indo, Baía edicións, Xerais, Ideas propias, Espiral maior, Linteo, Toxosoutos, Patito editorial e Oqo.