A Academia Galega do Audiovisual alerta que os Mestre Mateo poden non celebrarse este ano

Celebrará unha asamblea extraordinaria este venres

A falta de concreción dos apoios (consellaría de Cultura, Comunicación, Industria e a CRTVG) que tradicionalmente viña recibindo a Academia Galega do Audiovisual fai que as actividades desta entidade estean en suspenso. Entre elas, a celebración dos Premios Mestre Mateo. Así o pon de manifesto nunha extensa carta que a Academia remite aos seus socios convocándoos a unha xuntanza na que, alén de informar da situación financiera, poidan decidir “o tipo de formato de gala que se pode levar adiante”. Esta edición dos Mestre Mateo ía desenvolverse en Ourense no mes de abril. A asamblea extraordinaria terá lugar o venres 4 de febreiro, na sede da Fundación Caixa Galicia (Vilar, 19) ás 18:30 horas.

A convocatoria explica que a Academia “botou a andar co apoio económico dos departamentos de Cultura, Comunicación e Industria, por riba dos 100.000 € anuais, imprescindibles para o desenvolvemento das actividades da Academia que inclúen a execución dos Premios Mestre Mateo. Industria decidiu retiralo desde o inicio da actual lexislatura. Os departamentos de Cultura e Comunicación seica acordaron conducir o apoio desde o Consorcio Audiovisual de Galicia neste ano 2011. Pero, malia as reiteradas xestións que vimos facendo desde meses atrás, a día de hoxe, a Xunta de Galicia aínda non é quen de concretar a súa aportación ás actividades da Academia”. Para eles esta situación, agravada pola crise, agocha a falta de prioridades ou indecisión á hora de axudar a este colectivo.