Arte con garantías

As entidades galegas utilizan diferentes procedementos para certificar a autenticidade das obras de arte

En épocas de crise, a falta de liquidez apremia a particulares e entidades que procuran desfacerse de obras de arte. Pero nestes tempos tamén se incrementa a falsificación de obra artística e arqueolóxica no mercado, e “cada vez son máis elaboradas e mellores”, asegura Bieito Pérez, Outeiriño, director do Museo das Peregrinacións. Á falta dun organismo oficial que se encargue de autentificar estas pezas, cada entidade (pública ou privada) ten o seu propio protocolo.

A diferente naturaleza de obras de artísticas ou arqueolóxicas establece protocolos e necesidades de actuación tamén diferentes. O Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) traballa con obra de autores que, na súa práctica maioría están vivos por iso, María José Villaluenga do CGAC, afirma que “son os propios artistas os que certifican documentalmente a autenticidade da súa obra”. No caso da obra comprada a través de galerías, son estas as que presentan, xunto coa ficha técnica da obra, o documento que asegura a autenticidade da peza. Pero ¿que acontece con obras anteriores ao século XIX ou cando os artistas están mortos? Cada entidade ten o seu protocolo e varía se se trata de entidades públicas ou privadas. “No ámbito público os facultativos dos museos somos os que temos que certificar esas cuestións pero non para o mundo privado. No caso que alguén queira certificar unha obra de arte ha de recorrer a asesores, especialistas e peritos que se encargan de facelo” asegura Bieito Pérez, director do Museo das Peregrinacións, centro que estuda e divulga as diferentes formas deste fenómeno que deu orixe á cidade de Santiago de Compostela.

O Museo das Peregrinacións
Pola natureza e significado do propio Museo das Peregrinacións, este centro móvese na compra de obra no mercado internacional. Malia que descoñecen a día de hoxe cantos cartos disporán para a compra de obra, este centro chegou a ter en 2009 preto de 500.000 euros para a adquisición de obra (en 2010 esa contía baixou a 40.000 euros) . “No caso de que unha peza nos interese, asegura o seu director, recorremos a técnicos de museos especializados como o Museo do Prado, para que revisen a autenticidade da obra” asegura. Trátase de análises organolépticos (daquelas características físicas que se poden percibir polos nosos sentidos) e, “cando estes non chegan pásase a outros estudos con luces ultravioletas e outras técnicas. O que fai moito é a experiencia e nós, co paso do tempo, fomos aprendendo a distinguir as falsificacións”. Con todo pode ser que sigan existindo dúbidas e, se as hai, Bieito Pérez asegura que “nós non as compramos”. No tempo que Bieito Pérez leva vencellado ao Museo das Peregrinacións pasáronlle anécdotas de todo tipo. “Unha vez chegou un anticuario e ofertounos unhas pezas que, despois de examinar e estudar chegamos ao convencimento de que eran falsas. Cal foi a miña sorpresa cando un par de anos máis tarde atopamos as mesmas obras noutro anticuario de Madrid”, comenta.
En plena crise, tanto particulares como empresas, ofrecen ao mercado pezas que, doutra maneira non sacarían. No caso concreto deste museo, Bieito Pérez asegura que “nós tivemos unha peza que disputamos coa Hispanic Society of America de Nova York que procedía dunha persoa doutra comunidade e que necesitaba efectivo”

O caso particular da Fundación Laxeiro
”Un día chegou unha señora cunha obra enmarcada de Laxeiro pedindo un certificado de autenticidade e, cal foi a súa sorpresa cando o quitamos do marco e descubrimos que era unha fotocopia color. Posiblemente lle deran o cambiazo no momento no que a levou a enmarcar” afirma Javier Pérez, director artístico da Fundación Laxeiro, entidade que contabiliza que o corenta por cento de obras que hai no mercado son falsificacións. Por ese motivo, hai case dez anos a Fundación iniciou un catálogo universal (en continua actualización) no que pretende ter documentada (ficha técnica e fotografada) todas as obras. Ademais, conta cun comité formato por seis expertos (o comisario de exposicións Román Pereiro; os pintores Antón Pulido e Luis María Caruncho; o biógrafo oficial de Laxeiro, Antón Castro; o neto do pintor, Carlos García Suárez; e, con voto pero sen voz, o director artístico Javier Pérez). “Laxeiro foi un artista moi prolífico e pintaba tanto en sevilletas como paredes, como en libros, libretas.... por iso é tan difícil abarcar a súa obra” asegura Javier Díez.

O catálogo pretende servir de rexistro aberto da súa obra que inclúa todas as obras certificadas por ese comité. “Non é unha ciencia exacta, o que facemos é unha ficha da obra orixinal que inclúa fotografía e ficha técnica con datos obxectivos como as medidas, título ou obra. Despois, se a deixan aquí para que o examine o comité de expertos, nos que entran outros aspectos que, aínda que son máis subxectivos non deixan de ser importantes” afirma Javier Pérez. Refírese as comprobacións e á contextualización desa obra que analizan desde referencias na correspondencia de Laxeiro, ou a fotografías ou mesmo á memoria dos que tan ben o coñecían … o comité reúnese e debate sobre a obra examinada e logo establece un veredito. Neste aspecto Javier Pérez lembra que a “decisión final é colexiada. Non vale que un diga que si e outro que non, porque hai casos de extrema dificultade pero ao final al decisión deixa de ser persoal para ser colexiada”. Tamén apunta que “ás veces, acontece que necesitan información extra e envían a obra á profesores da Escola de Restauración de Pontevedra para que ofrezan información complementaria”. Facer parte do catálogo (a día de hoxe hai preto de 4.000 obras) é de balde, pero conseguir un certificado da autenticidade desa obra ten un custe para o solicitante.

En todo caso, ningunha das fontes consultadas asegura que a non certificación implique necesariamente que sexa falso. Como di Javier Pérez, da Fundación Laxeiro, “nós nunca dicimos que é falso porque non é unha ciencia exacta, simplemente dicimos que non pasou a proba”.