A dificultade de amosar unha visión vital

A Fundación Seoane achégase ao pensamento de Perec e Benjamin nas súas mostras deste inverno

Obra de Jean-LucParant sobre Perec
Obra de Jean-LucParant sobre Perec
A Fundación Seoane achéganos este inverno dúas propostas expositivas peculiares. No canto de exposicións sobre un artista ou sobre algúns dos seus traballos, o centro coruñés convídanos a nos introducir no pensamento de dous creadores cruciais do último século. Georges Perec e Walter Benjamin chegan ao noso país pasados polo filtro da arte con senllas mostras.

Dous persoeiros da cultura internacional ocupan este inverno a Fundación Seoane. As exposicións Pere(t)c. Tentativa de inventario (ata o 16 de xaneiro) e Walter Benjamin. Constelacións (ata o 20 febreiro) achégannos á vida e ao pensamento destas figuras clave do pensamento do século XX, en dúas exposicións nas que as pezas físicas de arte fican supeditadas á comprensión dos conceptos e das obras destes autores. “Georges Perec é un autor referencial para a literatura dos últimos 50 anos, e mesmo hai críticos que o consideran o máis importante desta época”, explica Alberto Ruíz de Samaniego, director da fundación e comisario da exposición sobre este escritor. Pola súa banda, a obra de Benjamin arredor da arte e mais a súa reprodución, a tradución ou o pasado marcou de xeito destacable boa parte do pensamento encol destas cuestións.

Chegar a Perec
“A idea é propor non só unha revisión do universo narrativo de Perec, senón tamén establecer as liñas de contacto entre a escrita e o seu mundo visual”, explica Samaniego. O fío conductor da súa exposición é a idea de visualidade e a imaxe, sexa pictórica, o gravado, a fotografía ou a imaxe cinematográfica, funciona como un motor narrativo para Perec. É como un alimento para a súa máquina ficcional e toda a súa obra está chea de referencias pictóricas e gráficas”. Canda a isto, o autor desenvolveu tamén diferentes traballos deste tipo, como documentais e filmes. Seis destas pezas poden verse agora na Coruña, “están feitas, ben a partir das súas propias narracións ou ben a partir de traballos de artistas cos que colaborou”. De xeito semellante, o escritor desenvolveu unha fonda impronta visual cos espazos nos que viviu, especialmente co barrio da súa infancia. “Un proxecto que desenvolveu ao longo da súa vida foi ir fotografando ano a ano a erosión que a historia producía neste lugar. Traballou con fotógrafos amigos, e foi visitando ese espazo ano a ano, ao igual ca outros once en París, así como facendo diferentes descricións sobre os mesmos”, un material que tamén está dispoñible na exposición. Un terceiro elemento que fai parte da mostra é o traballo de Perec en relación co movemento OULIPO (Ouvroir de littérature potentielle), “os membros deste movemento facían todo tipo de propostas visuais en torno ao emprego da linguaxe e das palabras. Facemos unha escolma deste tipo de traballos, que Perec traballou con grande intensidade”. Para rematar, a exposición achega obras de artistas que colaboraron con Perec ou ben que realizaron obras a partir do seu traballo, entre os cales unha serie de autores españois. Deste xeito, ponde verse traballos de, entre outros, Ignasi Aballí, Robert Bober, Paolo Boni, Fabrizio Clerici, Amaya González Reyes, Anne Heyvaert, o propio Georges Perec, Bernard Queysanne, Eduardo Scala, Saul Steinberg, Isabelle Vernay-Lévêque ou Cuchi White.

Arredor de Benjamin
No caso de Benjamin, a presenza na exposición da arte entendida nun sentido estrito resulta aínda máis precaria. Fotografías, audios, un interactivo e mesmo un audiovisual compoñen esa constelación que busca explicar o pensamento deste filósofo. “Ten unha idea do escritor e do intelectua como un recolector de tempos. Nese sentido desenvolve o concepto de imaxe dialéctica segundo o cal cada imaxe funciona como un arrastre entre o pasado e o presente”., explica Samaniego A seguir nesta liña, Benjamin realizou ao longo de toda a súa vida un intenso labor de recolección que comprende imaxes, textos e citas de todo tipo, un proxecto que quedou sen resolver pola súa morte. “Quería facer unha especie de arqueoloxía do presente analizando as transformacións técnicas, urbanas ou socioeconómicas que se dan a finais do XIX en conxunto configurarían a modernidade do século XX”. Unha selección deste material incorpórase á mostra na forma dun ensaio fílmico que tenta amosar o pensamento deste autor desenvolvendo asociacións ao xeito que el mesmo facía. “Aquí recóllense os conceptos fundamentais do universo deste pensador mediante este ensaio fílmico”. Canda a isto, o Atlas Benjamin é unha instalación interactiva que permite navegar, mediante un ordenador por case 3.000 conceptos presentes no conxunto da súa obra. Trátase de todo un hipertexto no que cada un dos termos incluídos remite a toda unha serie de citas nas que aparece dentro do traballo deste filósofo, achegando o seu contexto tanto textual como gráfico. A completar a mostra, poden escoitarse as reconstrucións de catro proxectos radiofónicos nos que participou este autor nos anos 20. “Son proxectos moi famosos pero unicamente se conservaba o guión, e sobre eses textos fixemos dramatizacións”.

Facilitar a aproximación
Malia a que a achega ao complexo pensamento de dúas figuras como as que acolle a Seoane pode semellar árduo, desde a Fundación promoven actividades didácticas que permiten que mesmo os máis novos entren en contaco con estes xeito de ollar a realidade e a creación. “No caso de Perec, existe unha vertente lúdica incrible, é alguén que xoga constantemente coas palabras. Reivindica o pracer da lectura e de xogar coas palabras e os textos. Nese sentido permite unha grande interactividade co público, tanto para os nenos de máis curta idade como espectadores con máis formación”, lembra Samaniego. A falar da exposición de Benjamin, “a interactividade vén porque se trata dunha mostra completamente inmaterial. Por unha banda está a proxección cinematográfica, pero o Atlas Benjamin está pensado para que o propio espectador poida navegar polos conceptos e facer as súas propias travesías”. Canda a isto, ciclos de conferencias e proxeccións sobre estes autores facilitan o achegamento a estes pensadores.

A dificultade de amosar un pensamento
Desde a perspectiva dun comisario, o director da Seoane sinala que “o principal problema á hora de organizar exposicións como estas, é pensar o coñecemento que pode ter o espectados encol destes universos. Por outra banda, sempre concibo que unha exposición debe ter unha vontade que vaia para alén da presentación de obxectos ou dunha colección. Debe achegar unha dimensión de coñecemento e propiciar unha reflexión, de xeito que o espectador metabolice todos eses datos non como mera erudición senón para incrementar a súa propia experiencia como ser cultural no mundo. Entón eu sempre defendo que as exposicións funcionen non só como unha proposta plástica, senón que cree uns alicerces para unha experiencia contemporánea de estar no mundo”.

Galería: Perec e Benjamin na Fundación Seoane

Galería: Perec e Benjamin na Fundación Seoane

Retrato de Georges Perec. Fotografía Bernard Plossu, cortesía da Galería Forym, Tarragona. Fonte: Fundación Seoane

Perec na rodaxe de <i>Les Lieux d'une fugue</i>

Perec na rodaxe de Les Lieux d'une fugue

Fonte: Fundación Seoane

Habitacións populares en Nervi, Italia

Habitacións populares en Nervi, Italia

Fotografía de Cuchi White incluída na exposición sobre Perec Fonte: Fundación Seoane

Gerard Guyomard. Les Revenentes, 1976

Gerard Guyomard. Les Revenentes, 1976

Obra incluída na exposición sobre Georges Perec. Fonte: Fundación Seoane

Jean-LucParant. Boule bibliophage Perec

Jean-LucParant. Boule bibliophage Perec

Fonte: Fundación Seoane

Peter Stämpfli Tomate, 1964

Peter Stämpfli Tomate, 1964

Óleo incluído na exposición sobre Perec na Fundación Seoane. Fonte: Fundación Seoane

Retrato de Walter Benjamin

Retrato de Walter Benjamin

Fonte: Fundación Seoane

Retrato de Walter Benjamin

Retrato de Walter Benjamin

Fonte: Fundación Seoane

Postal de Ibiza da colección de Benjamin

Postal de Ibiza da colección de Benjamin

A imaxe aparece recollida no audiovisual Walter Benjamin: Constelacións Fonte: Fundación Seoane

Fotografía de xoguetes da colección de Benjamin

Fotografía de xoguetes da colección de Benjamin

A imaxe aparece recollida no audiovisual Walter Benjamin: Constelacións Fonte: Fundación Seoane

Fotografía de máquina de coser da colección de Benjamin

Fotografía de máquina de coser da colección de Benjamin

A imaxe aparece recollida no audiovisual Walter Benjamin: Constelacións Fonte: Fundación Seoane

Fotografía do Passage du Ponceau da colección de Benjamin

Fotografía do Passage du Ponceau da colección de Benjamin

A imaxe aparece recollida no audiovisual Walter Benjamin: Constelacións Fonte: Fundación Seoane