Sucédense as homenaxes en lembranza de Del Riego

Un grande acto institucional reunirá os vindeiro mércores as principais institucións culturais do país

Desde que se coñeceu a nova do seu falecemento, na tarde do pasado venres, están a se suceder os testemuños de condolencia a lembrar a figura de Francisco Fernández del Riego. A Casa da Cultura Galega en Vigo concentrou ao longo da fin de semana os actos de lembranza, coa instalación dun libro de sinaturas e a recepción de nutridos grupos de visitantes, entre os que se atoparon algúns dos nomes máis destacados da política, a cultura e a sociedade do país. O funeral polo histórico galeguista celebrarase ás sete desta tarde na Colexiata de Santa María, en Vigo. O vindeiro mércores representantes dalgunhas das principais institucións culturais galegas reuniranse nunha homenaxe conxunta ao galeguista. Xunta, Consello da Cultura Galega, Real Academia, Fundación Penzol e Galaxia. De xeito paralelo foron moitos os persoeiros do país que amosaron a súa mágoa pola desaparición de Del Riego e salientaron a importancia da súa figura na configuración da nosa cultura ao longo do século XX.

Deste xeito Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, expresou o pesar da institución pola perda e definiu a don Francisco como “exemplo a seguir”. Ademais, destacou de xeito especial o seu papel como "gran valedor e pioneiro nas relacións entre a Galicia interior e a Galicia do exilio en América, coa que estableceu contacto directo e activo desde 1946. Foi un gran valedor da proxección exterior de Galicia”.
O concello de Vigo, pola súa banda, prevé aprobar dous días de loito oficial polo pasamento dun dos seus veciños máis ilustres.