Os Premios da Cultura Galega 2010 xa teñen gañadores

Agustín Fernández Paz rexeitou o galardón pola política lingüística da Xunta

A Consellaría de Cultura facía públicos na tarde de onte os Premios da Cultura Galega deste ano. Menchu Lamas nas artes Plásticas, Eduardo Alonso nas escénicas, a Fundación Barrié no apartado de patrimonio, Galaxia como mellor labor de promoción cultural, a Orquestra Sinfónica de Galicia en música e Vaca Films en Creación Audiovisual foron os galardoados con este recoñecemento. A sorpresa da xornada foi o anuncio de Agustín Fernández Paz, recoñecido co premio no apartado das letras, de que renunciaba ao seu galardón. Nun comunicado remitido aos medios, o recoñecido autor lembraba a súa oposición a esta convocatoria e afirmaba que por coherencia, non aceptaba a distinción. Ademais, remitía ao comunicado que a plataforma ProLingua fixo público no pasado mes de outubro e no que reclamaba que non se aceptasen estes premios pola política lingüística da Xunta.

Lista de galardoados e méritos recoñecidos, segundo a nota da Consellaría de Cultura

- O escritor Agustín Fernández Paz é o galardoado co premio Cultura Galega das Letras en recoñecemento a súa traxectoria vencellada á escrita galega. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.
- A artista Menchu Lamas recibe o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas polo seu traballo creativo, desenvolvemento de recursos expresivos e investigación de linguaxes propias. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.
- O Premio Cultura Galega das Artes Escénicas recae en Eduardo Alonso Rodríguez polo seu traballo a prol da dramaturxia galega. A proposta foi realizada por Escena Galega e outras tres entidades e aprobada por maioría.
- A Fundación Barrié de la Maza resulta distinguida co Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural polo seu traballo de catalogación e restauración de bens patrimoniais. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.
- O Premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia recoñece á Editorial Galaxia pola súa traxectoria vencellada á expansión cultural de Galicia fóra da comunidade autónoma e á súa difusión no exterior. A proposta foi realizada por distintos membros do xurado e aprobada por unanimidade.
- A Orquestra Sinfónica de Galicia recibe o Premio Cultura Galega de Música pola súa traxectoria vencellada á creación, consolidación e expansión da música galega, dentro da comunidade e no exterior. A proposta foi realizada pola Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e distintos membros do xurado e aprobada por maioría.
- O Premio Cultura Galega de Creación Audiovisual distingue á produtora Vaca Films pola súa actividade, dentro da comunidade e no exterior, a prol dunha linguaxe de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais. A proposta foi realizada por distintos membros do xurado e aprobada por unanimidade.
Comunicado de Fernández Paz a renunciar ao Premio da Cultura Galega.