Martin Sheen e Emilio Estévez presentan en Santiago o seu filme sobre o Camiño

A Xunta de Galicia achegou 700.000 euros á realización deste filme

“Tiñamos unha boa historia universal, tiñamos as estrelas (Emilio Estévez e Martin Sheen) e a produtora (Fílmax) para poñer en marcha este proxecto”. Así de claro foi Julio Fernández, produtor do filme que se estrea esta noite en Santiago (Teatro Principal, 19:30 photocall, 20:00 proxección). Na rolda de prsentación previa á premiere Emilo Estévez, director do filme, e o seu pai, Martin Sheen, eloxiaron a vivencia e emoción do camiño de Santiago. O filme chegará as carteleiras o vindeiro día 19 e conta a historia dun oftalmólogo que decide facer o camiño de Santiago, logo de descubrir que o seu finado fillo tiña a intención de facelo.

Roberto Varela, conselleiro de Cultura, explicou que a implicación da Xunta neste proxecto ascendeu a 700.000 euros repartidos entre o Consorcio Audiovisual de Galicia, o Xacobeo e Agadic (a Axencia Galega das Industrias Culturais). “É a gran película do Xacobeo que retratou a espiritualidade do camiño” apuntou o conselleiro na rolda de prensa previa á premiere.

Emilio Estévez e Martin Sheen aproveitaron a temática do filme para lembrar e homenaxear as súas orixes galegas (Martin Sheen é fillo dun galego). “Somos galegos que nunca se foron” chegou a dicir Emilio Estévez a este respecto. Pola sua parte, o coñecido intérprete de filmes como Apocalipse Now, Martin Sheen, lembrou a satisfacción de ver completado este proxecto e da espiritualidade que reflicte. Estévez aproveitou para comentar algunhas das anécdotas da rodaxe, como que Martin Sheen levaba a mochila bastante cargada para darlle un maior realismo ao seu papel ou que lle tivo pedir que camiñase máis despacio.

Distribución
O filme contará con 150 copias nos cinemas españoles a partir do vindeiro 19 de novembre. Despois da premiere de hoxe en Santiago, o mércores tocará o turno de promocionar o filme en Madrid. Estreado no festival de cine de Toronto, o filme contará cunha distribución moi pensada para o mercado americano, onde espera ter cabida en salas de cinema e, deste xeito, contribuír a difundir a imaxe do Camiño de Santiago.
Ligazóns