Pablo Costas gaña o premio do xurado e Gustavo Almeida o do público no concurso musical da Radio Galega

No certame recibíronse 51 cancións e máis de corenta mil votacións

Tras catro meses de concurso, o certame da Radio Galega “VAS-SACAR-NOTA”, que veu substituír ao pioneiro A polo Ghit!, xa ten gañadores. O Premio do Xurado, escollido por profesionais da música, recaeu en Pablo Costas , que grazas ao tema Que nos pasou, terá a oportunidade de gravar unha maqueta nas instalacións da Radio Galega. A Radio Galega recibiu un total de 51 cancións, das que 15 foron seleccionadas polo público. Dos 44.000 votos recibidos, saíu vencedor co “Premio do Público” por case 15.000 apoios Gustavo Almeida, polo tema O Camiño das Estrelas e que terá un paquete de concertos como galardón. Noutras categorías o certame premiou como “Letra Máis Inspirada” a Pulpo en Salsa, composta por Joselito; o “Ritmo con Máis Ritmo” concédese a Kallaikoi por Rodaballo, e un último galardón que destaca a “Mellor Imaxe Xeral do Grupo” é para O Tren da Unha. O broche final do concurso chegará cun concerto que terá como escenario o concello ourensán da Veiga o próximo venres, día 27 de agosto.