Faktoría K publica a novela gráfica "O burato do inferno", dos irmáns Trigo

Trata sobre a pirataría de terra no século XIX na zona da Guarda

O álbum de cen páxinas "O burato do inferno", escrito por Xosé Manuel Trigo e ilustrado polo seu irmán Ramón será publicado polo selo pontevedrés Faktoría K no mes de agosto, nunha edición simultánea en lingua galega e en castelán. Esta obra de ficción trata sobre a pirataría de terra. Os protagonistas son raqueiros asaltantes de buques que antes fixeran naufragar na ribeira. O relato está ambientado nos finais do século XIX na costa entre Vigo e a fronteira portuguesa, especialmente centrado na Guarda, de onde é a familia dos autores. Xosé Manuel Trigo tiña varios guións escritos para longametraxe cinematográfica e dun deles xurdiu este proxecto. Ramón Trigo, que xa ten unha abondosa bibliografía no eido da ilustración, volta así á BD tres anos despois do seu debut en Edicions de Ponent con "Historias de los niños sobrenaturales". Nesta ocasión usou de novo, como daquela, a técnica de lapis carbón, nun estilo "moi parecido, aínda que co debuxo moito máis traballado". É a primeira obra monográfica en galego de BD que se publica do tandem. O ano pasado xa quedaran finalistas do premio Castelao cunha historia marítima: "Kartoffel", inspirada na presenza de submariños nazis na costa galega. Un traballo que, despois de que a Ramón lle levase todo 2009 completar "O burato do inferno", está pendente de revisión e reelaboración para optar a ser publicado nun futuro próximo.

Ligazóns