Atalaia, unha ollada á arte contemporánea desde culturagalega.org

A Sección de Artes Visuais Contemporáneas do CCG presenta o novo soportal para explorar a arte galega actual

É o novo soportal de culturagalega.org. A partir de hoxe podes explorar Atalaia, unha base de datos, directorio e centro de recursos para coñecer aos artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia. Atalaia está coordinada pola Sección de Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega en colaboración con culturagalega.org.

Hoxe pola mañá preséntase Atalaia, o novo soportal de culturagalega.org, que nace para responder ao dinámico sector da arte contemporánea en Galicia e fornecer unha ferramenta para coñecer a súa actualidade máis representativa. Está promovido pola Sección de Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega.

Trátase dunha potente base de datos e centro de recursos: iníciase cunha mostra de artistas, que a finais de 2010 contará con información e obras de 50 creadores aos que no 2011 se lle engadirán outros 50, combinadas con información relacionada sobre todo tipo de eventos artísticos celebrados no país entre hoxe e o 2005 (exposicións, feiras, congresos...), publicacións periódicas e non periódicas dedicadas á arte contemporánea e información sobre os espazos e entidades que promoven a arte contemporánea actual. Atalaia combinarase tamén coa actualidade da arte en Galicia, a través da integración coa fluxo de noticias de arte que elabora culturagalega.org.

A maiores, Atalaia dispón de ferramentas de divulgación para introducir aos usuarios nas tendencias e características da arte contemporánea galega actual. É o caso dos Itinerarios, visitas guiadas aos fondos da base de datos por parte de comisarios que introducen ao visitante nas características das obras de arte seleccionadas.

Atalaia é unha potente interface á arte contemporánea do país que se actualizará co traballo dun equipo de xornalistas e especialistas en arte contemporánea.
Ligazóns