As voces da comunicación

O Consello da Cultura fai unha radiografía da situación da comunicación en Galicia

“Vivimos unha fase de cambios cun novo escenario e os grupos de comunicación están reordenando as súas estratexias” sintetizaba Xosé López, vicepresidente do Consello da Cultura a propósito do informe A comunicación en Galicia 2010, que coordina xunto con Rosa Aneiros. Trátase dun documento que fai unha radiografía do que aconteceu no ámbito comunicativo nestes catro últimos anos. Falamos cos autores dos capítulos deste traballo para que desgranasen polo miúdo, as claves do que foi a situación da investigación, a formación, a Internet, a televisión e o cine en Galicia neste tempo.

Outras voces, outros ámbitos. Audiovisual en Galicia no período 2007-2009.Marta Pérez Pereiro







A profesora da USC Marta Pérez explica que “a situación do audiovisual en Galicia no ano 2009 está marcada por dous factores externos que condicionaron moito unha situación que, como unha da principais conclusións do artigo, chamo unha situación de “impas”. Por unha banda a crise económica, que se oficializa no verán de 2008 e que afecta a todos os sectores produtivos e o audiovisual non vai ser menos. Da outra, é o cambio de goberno que se produciu en marzo e paralizou o sector no verán, que é o momento fundamental de traballo que é cando se poñen en xogo arredor de dous mil profesionais”. A investigación aséntase sobre un cuestionario que remitiron a máis dun centenar de empresas produtoras, das que obtiveron unha escasa resposta (apenas unhas trinta e cinco contestacións) pero que, “malia non ter unha resposta cientificamente viable”, tal e como apunta Pérez, “si interesante en canto as opinións que rescatamos dalgunhas empresas e que son as que nunca se escoitan”. Voces dispares, pesimistas aínda que con certos trazos de esperanza para os que traballan con animación e multimedia. Como conclusión “é un sector feble que se debe a unha situación máis estrutural que se debe á falta de políticas continuadas para o sector. Outra das conclusións é que non hai visibilidade das producións ben porque non hai canles de distribución e porque quedan gardadas á espera dunha estrea”.


Cine: a evolución do sector en Galicia. Miguel Anxo Fernández







Miguel Anxo Fernández é un dos máis investigadores que ten máis analizado a situación da cinematografía en Galicia. Na súa opinión “a exhibición está a mudar moito en Galicia coa apertura de salas polo 3D”. En canto a produción, destaca a dificultade de atopar datos actualizados por parte do sector e que, como a temporalidade do estudo é anterior ao cambio de crise, as cifras de produción son positivas. Para Fernández, “un dos problemas que ten o audiovisual galego é a dificultade de comercializar e vender os seus produtos. Só hai unha distribuidora que traballa para a promoción e venda do audiovisual galego e as perspectivas son máis ben pesimistas”. En canto ao modelo de produto, Fernández destaca a contradición entre o cinema identitario e o industrial porque “se por unha banda o bipartito desenvolveu unha política de axudas que favoreceu óperas primas, curtametraxes e novos produtos, a industria tamén quere facer produtos competitivos, rendibles no mercado exterior”.


A internet en Galicia.Xosé Pereira







O decano da Facultade de Ciencias da Información, Xosé Pereira, explica que a primeira parte do informe trata de coñecer cal é a situación real de acceso para, de seguido, poñerse a traballar na fase dos contidos e do consumo. “Hai un crecemento importante das actividades nos medios de comunicación: que aumenta a audiencia (usuarios únicos e número de visitas) e destacan as redes sociais e blogs que apuntan a un uso da rede máis correcto” destaca Pereira.


Os novos escenarios do sector publicitario galego. Alberto Pena







O profesor da Universidade de Vigo, Alberto Pena, destaca o caso de BAP Conde, empresa publicitaria galega que facturou no 2009 preto de 12 millóns de euros e que traballa no mercado estatal, como unha das tendencias claves para a publicidade galega. Sen embargo, iso non impide que “haxa unha contracción na contratación por parte das anunciantes” que afectan ás máis de cento sesenta axencias publicitarias que hai en Galicia. Ademais, Pena apunta que Internet é o único soporte que está tendo un crecemento, aínda que sexa moderado. “Hai empresas como Galicia Banner que desenvolveu un pequeno negocio e que mesmo é abandeirada da comunicación publicitaria en Internet. Hai, por outra banda, unha estrutura asociativa entre as empresas que traballan neste mundo como é Eganet, que está axudando a conseguir que Internet se converta nun mercado destacado”.


A comunicación organizacional en Galicia 2004-2009.Berta García







Berta García, profesora da facultade de Ciencias da Comunicación na Universidade de Santiago, fai un resumo do que foi a evolución, particularidades e idiosincrasia dos gabinetes de prensa nos últimos anos. “No ultimo quinquenio nótase un proceso de crecemento da comunicación organizacional” apunta esta investigadora que tamén analiza a adaptación e o impacto das novas tecnoloxías e novos soportes a este tipo de actividade comunicativa. “Nos últimos cinco anos avanzouse moito no concepto do gabinete en liña ou no chamado gabinete 2.0” puntualiza.


A formación (universitaria) en comunicación 2006-209Miguel Túñez







No período que analiza o estudo elaborado polo profesor da facultade de Comunicación, Miguel Túñez, completouse a implantación dos estudos de Comunicación Audiovisual no sistema universitario de Galicia. “Son as carreiras con maior demanda e maior nota de corte. Ademais, hai unha proporción de tres mulleres por cada home que está nas aulas de comunicación e que se dá nas tres universidades, como tamén é maior a porcentaxe de mulleres que optan aos cursos de doutoramento” aclara Túñez.

A investigación en comunicación en Galicia 2006-2009. Xosé Soengas







A investigación en comunicación é recente porque a Facultade de Comunicación de Santiago ten menos de vinte anos. Tendo en conta esas características, e que a “investigación non é algo puntual”, o profesor Xosé Soengas fixo un retrato panorámico da situación ademais de facer referencia aos antecedentes. Para el, "a investigación oficial é fácil de localizar pero hai máis investigacións que se fan desde particulares e desde institucións privadas e que houbo que chamar porta a porta”. Nese traballo, Soengas desglosa as liñas de investigación: como están estruturadas, consolidadas, as temáticas, ver cales estaban localizadas e as recentes, así como “os orzamentos dos que dispoñen as investigacións en Galicia e ver como foron evolucionando” . En canto ás temáticas, Soengas explica que “a USC é a única que ten grupos de investigación sólidos e consolidados de hai anos e coinciden con todo o que abarca multimedia, novas tecnoloxías, cine e documental e logo todos os aspectos vencellados aos tratamentos dos contidos audiovisuais”.

Non disparen sobre o xornalista. Os profesionais no medio da crise. Xosé Manuel Pereiro







“A tese central é que son bos tempos para o xornalismo, e malos para os xornalistas e prensa en xeral” explica Xosé Manuel Pereiro, decano do colexio de Xornalistas. Neste capítulo describe un panorama marcado pola caída da publicidade, pola crise dos propios medios e pola relación clientelar entre os medios e as institucións. “A tendencia xeral que hai hoxe na prensa é que é o único sector que para saír da crise empeora o produto con menos xente e menos medios. E que Galicia a situación aínda é máis grave” puntualiza. Ao mesmo tempo, dá cifras para constatar esa tendencia xeral ao dicir que “comparando os estudos que fixemos no 2002 co do 2008 vimos que o salario era o mesmo, 8.20 euros por hora. E iso se reflicte na calidade de información que recibe o cidadán”. Ademais, Pereiro aclara que son os gabinetes de comunicación os únicos lugares nos que se incrementou o emprego que “aínda que é unha solución profesional coma outra calquera, o problema é que boa parte dos medios son taboleiros da información que fan".