Un ano deixa moitos títulos tras de si, e facer unha selección non é sinxelo. Solicitámoslle aos autores das recensións do noso soportal literario que fixesen cadansúa escolla persoal. Como resultado, obtivemos unha lista na que as coincidencias son mínimas. Está visto que hai propostas para todos os gustos dentro do publicado nos últimos doce meses.
Na escena
A selección de Inma López Silva céntrase en obras dedicadas ás artes escénicas. Máis concretamente, achéganos dous textos teatrais e un ensaio, nun ano que, advirte, considera algo árido neste campo xa que pesa a excelencia das publicacións teatrais de fins de 2008. Dentro dese panorama, López Silva destaca a Obra dramática completa de Sarah Kane, publicado por Galaxia. Para a nosa crítica, esta é unha publicación fundamental que chega a fins de 2009 e que, nunha tradución exquisita de Manuel F. Vieites, permite acceder en galego a unha das voces máis orixinais e importantes do panorama teatral actual mundial. De fondísima influencia no chamado post-drama, Sarah Kane é unha dramaturga imprescindíbel. Máis preto de nós, salienta Sempre quixen bailar un tango, de Teresa González Costa. Este Premio Álvaro Cunqueiro destaca pola súa elegancia, pola súa capacidade evocativa e pola súa corrección dramatúrxica, salienta López Silva que, a un nivel máis teórico, aposta tamén polo Manual de práctica teatral feminista de Elaine Aston, editado en Galaxia. Segundo explica a nosa colaboradora, as teorías feministas, de fonda traxectoria en Filosofía e Teoría Literaria teñen só unha relativa aplicación ao panorama teatral, espazo importantísimo tanto para a reflexión como para a expansión do pensamento feminista. A biblioteca de ensaio teatral de Galaxia, así, convértese nun espazo de referencia peninsular para a actualización da teoría do teatro.
Ensaiando
Gustavo Hervella centra a súa selección en ensaios deste ano, e arrinca polo recente As razóns do galego de Henrique Monteagudo, que publicou Galaxia. Nos tempos que corren, onde as culturas minoritarias están esmorecendo, traballos como o de Monteagudo son benvidos e, sobre todo, necesarios, lembra o noso crítico. O galego, como sinal de identidade da terra aínda que non a única- está a ter un presente convulso e un futuro incerto. Esta recompilación de ensaios, xornalísticos uns e académicos outros, inciden nesta problemática. A diáspora galega centra Catro historias de emigrantes, de Manuel Losa. Hervella lembra a cita do autor de que Galicia non se entende sen América, e sinala que esta frase, evidente para a historia do país, cobra maior forza e presenza grazas a reflexións como a de Losa Rocha, emigrante el mesmo e polo tanto testemuña de primeira liña do fenómeno migratorio. É a emigración a través das biografías de catro galegos e a relación coa cultura a que se nos amosa neste estudo, complementario doutros e que fornece a produción ensaística desta temática en Galicia. Continúa a selección do noso colaborador coa compilación de artigos Facendo historia con memoria que Lourenzo Fernández Prieto publicou en 3C3. Nos últimos tempos os traballos sobre a memoria da represión franquista colleron un pulo destacado. Nesta recompilación, o autor reflexiona sobre determinados aspectos da actualidade político-histórica galega en relación con ese pasado incómodo que supuxo a guerra civil e a ditadura. Outro xeito, máis actual de achegarse a uns anos e a uns feitos que, despois de ler o libro, non están tan lonxe. Tampouco Monste Pena esquece o xénero ensaístico na súa selección, e destaca Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia 1961-1984, que recolle as cartas entre Ramón Piñeiro e Basilio Losada. O epistolario de Piñeiro e Losada lese como unha auténtica novela para os interesados nas visicitudes da cultura galega. Un texto que permitirá (e que xa está permitindo) aos investigadores repensar algúns puntos da historia da literatura galega contemporánea. Tamén Anxos García Fonte bota man da non-ficción na súa escolla, e salienta As novelas da memoria, de John Thompson. É na miña opinión un ensaio moi interesante sobre unha parte da novelística galega moi maltratada e incomprendida pola crítica que neste libro é dignificada. Nel o autor pon en relación o trauma que supuxo a represión durante a Guerra Civil na retagarda e durante a posguerra con outros traumas colectivos máis estudados coma o holocausto, a represión arxentina ou a guerra dos balcáns e achega perspectivas de análise novidosas posmodernismo, feminismo sobre este abundante corpus. Coincide con ela na aposta por este título Xurxo Ayán, quen considera que a nivel de ensaio cobre un baldeiro notable na investigación sobre a literatura galega, fornece perspectivas teóricas novedosas, analisa as relacións entre escrita e política e amplía as miras dos enfoques historiográficos que sobrancean a investigación sobre a malchamada memoria histórica. Este crítico tamén salienta dentro do ensaio a obra de Dominique Petitfaux Hugo Pratt. O desexo de ser inútil, de Galaxia. Aínda que sexa unicamente polo fermoso da edición, libros coma este axudan (e de que maneira) á promoción da lingua galega. Os debuxos da estancia de Hugo Pratt na Etiopía fascista e as reflexións conseguintes son un tesouro para os amantes do cómic, historiadores e etnoarqueólogos. Unha xoia editorial, conclúe.
En versos
Lorena Domínguez Mallo achéganos as súas apostas no campo da poesía de 2009. Un dos traballos publicados por Estaleiro Editora, Máquina de guerra, de Raida Rodríguez é a súa primeira selección. Escólloo porque é un libro contundente, poderoso, no que a palabra constrúe e destrúe coa mesma forza, no que se debuxan todo un mundo de referencias e de diálogos a partir dos que a lectora pode ir diseccionándose a si mesma e ao mundo que a rodea, xuntamente con todos os discursos que nos conforman. Alén diso, é un libro moi ben editado, o que ten o dobre de valor tendo en conta que a editora que o publica traballa con creative commons e ten en rede todos os seus libros para descargar, explica. Continúa con O pouso do fume, de Dores Tembrás, dispoñible en Espiral Maior. Gústame porque constitúe unha codificación emocionalmente moi intensa das vivencias da infancia, unhas vivencias que son de tipo humano, paisaxístico, verbal. A autora crea símbolos que pechan todo un mundo de sentimentos e que ofrecen unha homenaxe á memoria e a aqueles que nola transmiten, e todo cunha sinxeleza tan extrema que duplica o impacto de cada imaxe. Tamén María Xesús Nogueira introduce os versos na súa escolma. Máis concretamente, Secesión, de Chus Pato, que, para ela, leva até o extremo a experimentación radical da linguaxe poética practicada desde hai anos por Chus Pato. Desde un texto que resulta da disolución das fronteiras dos xéneros literarios, amosa unha reflexión sobre o idioma, sobre a natureza da creación poética e sobre a memoria individual e colectiva. Tamén chamou a súa atención Deconstruçom de Susana Sánchez Aríns. O poemario presenta unha voz orixinalísima que ten como fío o proceso de (de)construción da casa. O esquema dá pé á introdución de temas varios, tratados con distancia, humor e, por veces, mesmo cunha clara intencionalidade crítica, explica Nogueira. O último poemario de Manuel Rivas, A desaparición da neve non podía quedar fóra da selección. Foi Montse Pena quen o introduciu, xa que, para ela, deixa un alento de convivencia de linguas (os textos preséntanse nos catro idiomas do estado) e de convivencia de voces: as do Rivas heteroxéneo que cingue elementos da súa poesía dos 80 con trazos anovadores da súa escrita última. Mentres, a lectora convértese nunha oínte que complementa os textos grazas o CD onde se recolle o recitado dalgúns poemas polo autor, explica.
Narracións
A narrativa é o xénero que concentra máis recomendacións dos nosos colaboradores. Dentro deste pao, Isabel Soto aposta por Monte Louro de Luís Rei Núñez. Para ela, esta é unha boa novela que percorre os tempos da República, a chegada da Guerra Civil, a posguerra e a emigración galega a Bos Aires. Conta cunha esmerada escrita, coidada construción e con personaxes ben caracterizados e cribles. Unha lectura amena que engancha o lector, conclúe. Pola súa banda, Anxos García Fonte destaca O museo da inocencia de Orhan Pamuk. Á marxe do seu indubidábel valor literario, supón un logro da industria editorial galega que foi capaz de negociar a tradución dun libro de máis de 700 páxinas do turco e ofrecelo aos lectores galegos na súa lingua nun tempo record, antes ca a maioría da das linguas europeas, explica. Continúa a súa escolla con Monbars o exterminador que Hixinio Puentes publicou en Xerais. É unha novela de aventuras vibrante, moi ben ambientada histórica e espacialmente, cunha lingua rica perfectamente adaptada ao tema e ao contexto histórico, explica. María Xesús Nogueira,aposta por A perspectiva desde a porta, de Patricia A. Janeiro, como unha das grandes novelas de 2009. Libro innovador por narrar un tema apenas abordado na literatura galega como é a historia do independentismo nacionalista. Mediante un áxil enfiado de historias, a obra ofrece unha visión pouco frecuente da época do franquismo e do momento actual, sinala. Non podía faltar na escolma unha referencia a A praia dos afogados, de Domingo Villar. Para Xurxo Ayán, esta obra, no top de libros máis vendidos e agasallado cun tremendo éxito entre o público, constitúe todo un fenómeno editorial. Asemade, o seu valor literario é inexcusable e marca un fito no xénero de intriga en galego.
Para os máis novos
É Isabel Soto a crítica que presta máis atención ás obras para os lectores máis novos. A súa selección neste campo comeza por Lúa do Senegal, de Agustín Fernández Paz. Esta narración, considera, conmove pola súa beleza ao abordar os procesos de emigración desde a perspectiva íntima dunha nena senegalesa de dez anos e que conta cunha orixinal técnica construtiva. Tamén destaca o premiado Mil cousas poden pasar. Libro I, de Jacobo Fernández Serrano. Un libro divertido e intelixente no que o autor recorre aos personaxes insólitos que adoita crear e a unha trama que non deixa de sorprender até o final, conclúe Soto. Montse Pena destaca outra obra publicada por Xerais. Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros é para ela un libro que elude tópicos, tanto na súa temática, o multiculturalismo (unha das máis recorridas polos autores de infantil e xuvenil nos últimos tempos), como na propia concepción do que é considerado normalmente coma literatura xuvenil, lembra. Aneiros consegue que o bar Luzada, o punto de encontro no que se entretecen os seus personaxes, se convirta nun crisol de culturas en que o pulso do cotiá e o arrecendo a café se mestura co amor, a traxedia e as ilusións, conclúe Pena. A medio camiño entre o formato infantil e a temática adulta está para Un bico de amor e de vida, selección de Lorena Domínguez Mallo. Con texto de Xosé A. Neira Cruz, ilustracións de Enjamio e música composta por Manuel Balboa e interpretada pola Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Maximino Zumalave. É unha experiencia marabillosa a lectura, audición e contemplación simultáneas do libro. Agradeceríase un maior coidado da fonética galega na lectura, pero aínda a pesar diso, é realmente fermoso e creo que tamén é digno de admirar o risco editorial que supón publicar un álbum ilustrado-musiconto para adultos.