Unha comedia muda de animación gaña o premio Compostela Plató

O premio consiste na realización da curta, que se estreará na vindeira edición de Curtocircuito

Un supermercado, un garda de seguridade ao bordo dun ataque de nervios, un supervisor con ganas de despedir a alguén, unha caixeira que quere marchara para a casa, un cliente co carro cargado de produtos, dous minutos para o peche do local e unha historia de amor. Estes son os ingredientes de Check Out, o guión gañador do premio Compostela Plató. É a primeira vez na historia deste certame, ao abeiro do Festival Curtocircuito, que resulta premiado un proxecto de animación. Ficción Producións é a produtora encargada de materializar a curtametaxe, xa que nisto consiste o premio (30.000 euros de orzamento e a distribución por festivais internacionais). Nesta ocasión seguiranse técnicas de animación en 3D con aspecto de debuxos animados bidimensionais, un procedimento semellante ao anime xaponés, que fuxe de semellanza coa imaxe real.

Tal e como explica a nota de prensa remitida poa concellaría de Cultura de Santiago, entidade convocante, “o xurado de preselección, composto polo produtor e realizador Toni Veiga e a produtora Mamen Quintas, seleccionou sete finalistas entre todos os guións participantes. Despois, un grupo de profesionais do sector audiovisual galego uniuse a eles para constituír o xurado: foron a actriz María Vázquez, a representante da TVG Chusi Riveira, os directores Marcos Nine e Luis Avilés e mais Timothy Redford, director de Curtocircuíto”.