A Praza Maior de Ourense será o escenario, por segundo ano consecutivo, da Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial. O programa, que se desenvolve entre o 10 e o 14 de novembro, inclúe concertos de música tradicional e obradoiros de cestería, construción de instrumentos, olaría, forxa ou zocaría entre outros. Canda a isto, desenvolveranse tamén conferencias e mesas redondas sobre a recuperación do patrimonio, celebrarase un magosto e diferentes representacións e actuacións percorrerán as rúas da cidade. Os interesados poderán contemplar tamén exposicións sobre diferentes aspectos da vida tradicional, coma ferramentas, xoguetes ou produtos farmacéuticos.


