A Xunta quere subir o Camiño de Santiago á rede para o 2010

Alberto Núñez Feijóo supervisará directamente o proxecto

“Comeza a conta atrás na preparación do Xacobeo 2010”. Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao celebración do Consello da Xunta. E iso implica a presentación dun informe preliminar coa cronoloxía da preparación deste evento que, segundo explicou o presidente, ten tres obxectivos: promover a cultura galega, servir de revulsivo da economía (cun incremento do produto interior bruto de entre o 0.75 e 1 punto), así como a recuperación do “patrimonio cultural, medioambiental e paisaxístico de Galicia”. O presidente, que supervisará directamente o proxecto, puxo o énfase na necesidade de achegar o Camiño de Santiago á rede. Para iso, anunciaron a creación dunha “rede social en liña do peregrino” e contactos con Google para poder visitar o trazado desde “calquera ordenador do mundo”.

O presidente fixo fincapé na necesidade de desenvolver con urxencia “exencións fiscais para buscar o maior patrocinio e recursos” que permita manter un Xacobeo que definiu como “austero”. En canto ao plan de promoción, que se dará a coñecer en xuño, inclúe estratexias diferentes para diferentes públicos (nenos, maiores, estranxeiros, emigrantes e outros colectivos). Polo demais, anunciou a realización dunha auditoría para coñecer a situación actual das rutas xacobeas e a implantación dun plan corrector destes trazados para facilitar a peregrinaxe.