"Orfeo ed Euridice" de Haynd inaugura na Coruña o Festival Mozart

Mozart IV

A temporada da ópera ábrese mañá na Coruña coa apertura do Festival Mozart. E para a ocasión está prevista cun programa de luxo, o "Orfeo ed Euridice" de Haydn, interpretado pola Orquestra Sinfónica de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid, dirixida por Jesús López Cobos. Os datos avalan esta cuarta edición do festival: 235 millóns para 19 representacións entre concertos, óperas e recitais en 23 días repartidos en catro escenarios. Arranca o Festival Mozart.

Apertura


Hai catro anos, A Coruña importou a fórmula do Festival Mozart madrileño. Neste período de tempo foi consolidando, tanto un público fiel, como unha organización que ofrece novos e mellores espectáculos cada ano. E nesta ocasión, o certame que organiza a Fundación Caixa Galicia e o Concello Coruñés, conta con numerosos atractivos e alicientes. O inicio desta edición corre a cargo da Orquestra Sinfónica de Galicia, que protagoniza sete das nove representacións, ofertadas este ano. O programa previsto para esta primeira representación é a ópera de Haydn "Orfeo ed Euridice" dirixido por Jesús López Cobos. A cita será o sábado 19 ás oito no Palacio da Ópera.












Programa



Nesta cuarta edición do festival destacan tanto formacións, como solistas individuais, como as pezas representadas. Os platos fortes terán como escenario o Palacio da Ópera, mentres que o resto das actuacións repartiranse entre diferentes edificios coruñeses, como o Teatro Rosalía, a Igrexa de Santo Domingo e a Colexiata. O 5 de xuño, o pianista de recoñecido prestixio Grigrori Sokolov, ofrecerá un programa con obras de Couperin, Mozart e Franck. A Orquestra Sinfónica de Galicia e o Coro da Sinfónica de Galicia intepretarán o 15 e o 17 de xuño, a ópera de Mozart "Zaide" no Teatro Rosalía de Castro. E o 16 e o 18 dese mesmo mes, a Orquestra Sinfónica de Castela e León e o Coro da Comunidade de Madrid intepretarán a composición de C. W. Gluck do "Orfeo ed Euridice". Pecha o festival o 7 de xullo, a Orquestra e o Coro da Sinfónica de Galicia coa obra de Rosini "It Turco in Italia", no Pazo da Ópera.




Entradas


Desde o pasado 28 de abril está pechada a venta de abonos, por iso só se poden mercar localidades soltas. Haberá tres actuacións de balde, a do 1 de xuño (o "Requiem" de Mozart da Orquestra Sinfónica de Galicia), o 10 de xuño e o 20 de maio. Nas demais, os prezos oscilan entre as 2.500 pesetas e as 7.500 pesetas. Coma sempre, existen descontos para os menores de 26 anos e para os maiores de 65, que poderán mercar os seus pases por mil pesetas.
Ademais, nesta edición do Festival Mozart tamén se poden mercar as entradas a través da web de Caixa Galicia.