Un documental, un thriller e un concerto recuperan a historia da discoteca Clangor

A produción pretende recuperar o espírito musical de finais dos oitenta

Non foi só unha discoteca. Clangor foi, en palabras de Loquillo, un dos músicos que contribuíu a crear o mito, “a voz de expresión dunha xeración”. O que fóra o seu propietario, o pintor e deseñador Fernando Pereira, destacou que o local tentou traer ata Galicia os grupos e referentes da movida internacional, principalmente do rock&roll, de finais dos oitenta. E este é o espírito que pretende recuperar o “Proxecto Clangor”, iniciado polo director compostelán Pablo Iglesias. Un documental, unha película de ficción (un thriller protagonizado por María Valverde) e un concerto-homenaxe servirán para recuperar a historia dun local truncada por un atentado do Exêrcito Guerrilheiro do Povo Galego Ceive no que morreron tres persoas.

As tres partes que compoñen o proxecto Clangor, pretenden servir para completar, non só a historia dunha discoteca, senón a crónica dunha xeración a través do seu compoñente musical. De feito, o primeiro produto audiovisual, o documental (1 hora de duración) servirá para achegar a movida daquela época, que permitiu que grupos como The Godfathers, The Cult, Loquillo e tantos outros estiveran en Santiago. “Toda a movida viguesa deulle a espalda da Galicia, porque marchou a Madrid tan pronto como tivo a oportunidade, mentres que nós procuramos todo o contrario, traer a movida madrileña a Santiago" aseguraba Fernando Pereira na rolda de prensa de presentación do proxecto.

Clangor, a película
A longametraxe de ficción conta cun guión de Gonzalo García Velasco no que se tecen tres tramas: a celebración do décimo aniversario da discoteca, o atentado do Exêrcito Guerrilheiro e a historia persoal dunha estudante, a única víctima civil do atentado. Esta última é, en palabras do director “a que ten máis peso e estará protagonizada por María Valverde”. No thriller, que está na fase de busca de financiamento, a música terá un papel protagonista e moi destacado. O seu director, Pablo Iglesias, avanzou que haberá “pérolas” musicais como algunha composición de Loquillo, feita ex-profeso para este traballo.

O concerto-homenaxe terá lugar no Multiusos do Sar o 11 de outubro de 2010, coincidindo co vinte aniverario do atentado que truncou a historia de Clangor.