Radios de Galicia

Unha exposición reivindica as emisións radiofónicas como patrimonio cultural

| Santiago. Redacción | Seccións: Comunicación
Compartir:
Radios de Galicia

Todo comezou no 2008, cando se cumpría o 75 anivesario da aparición da radio en Galicia. Dous profesores da Universidade de Santiago (Mónica Rebolo e Manolo Rodríguez) decidiron iniciar un proxecto que documentara a historia deste medio no país. E con el a historia propia de Galicia. Dese proxecto saíu un congreso e agora unha exposición. Pero aínda queda moita historia no aire.

Imaxe 1
1/7
Imaxe 2
2/7
Imaxe 3
3/7
Imaxe 4
4/7
Imaxe 5
5/7
Imaxe 6
6/7
A historia falada
7/7

“Galicia pola radio é unha exposición que pretende facer unha homenaxe á radio emitida en Galicia, desde que comezou en 1933 ata que cumpliu os 75 anos no 2008” así sintetiza Manolo Rodríguez un proxecto de investigación que ten tres partes. Unha primeira que se desenvolveu en novembro de 2008, na que desde un punto de vista académico se analizou e investigou a traxectoria deste medio de comunicación. A segunda, comezou a semana pasada en Santiago, cunha exposición que documenta a través de obxectos, fotos e gravacións sonoras o que deron de si estes setenta e cinco anos. “O proxecto, explica Manolo Rodríguez, pretende completarse cunha publicación que recolla todas estas facetas pero que aínda non conseguimos nin o financiamento nin os apoios suficientes para poder convertelo nunha realidade”.

A historia da radio en etapas
Tanto institucións como particulares responderon ao anzol lanzado por Mónica Rebolo e por Manolo Rodríguez para documentar coa maior exhaustividade posible o que foi a historia deste medio. “A radio aínda non ten o valor de patrimonio histórico e pretendemos que a partir desta exposición comece a telo” asegura este profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Unha característica que evitaría que se perderan desde equipos ata gravacións que fan parte da nosa historia. Moitas das que se gardaron e que agora se exhiben nesta exposición débese ao interese particular ou á casualidade que fixo que moitas empresas non se desfixeran dese material. “Temos gravacións sonoras desde 1941, publicidade de principios dos anos 50, en total hai unha selección de 117 fragmentos sonoros” afirma Rodríguez.

Duás gravacións realizadas na cidade de Vigo abren e pechan a historia da radio. A primeira é a da inauguración dos estudos de Radio Vigo a cargo do director, Eugenio González de Haz; mentres que a última é a emisión dunha Xornada Radiofónica na Asociación “Ponte…nas Ondas!” na universidade olívica. No medio, a exposición distingue seis etapas nesa historia da radio que recollen desde o valor da radio desde un punto de vista informativo, a súa relevancia na clandestinidade así como o seu valor lúdico. A mostra tamén inclúe abondosa fotografía arredor deste fenómeno (destaca a coñecida fotografía de Virxilio Viéitez), obxectos que van desde o magnetófono ata a recreación dun estudo de radio. Tendo en conta que o Arquivo Sonoro de Galicia conta con material de gran valor histórico (discursos de Castelao, Ánxel Fole, Suárez Picallo…), tamén está presente na exposición cun espazo destacado no que se poden escoitar unha escolma dos seus fondos. Para Manolo Rodríguez, entre o material que hai na exposición, “destacaría, polo seu valor simbólico, o micrófono polo que se leu o último parte de guerra”. Ademais, a exposición é relevante por ser a primeira gran retrospectiva que se fai deste medio no noso país.

Que che parece esta nova?
17 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

O arquivo do aire

O arquivo do aire

Consultar a base de datos do Fondo de Gravacións de Radio Nacional de España en Galicia depositado no Arquivo Sonoro de Galicia ofrécenos a posibilidade de facer unha viaxe pola historia audible da cultura do país

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Fotografía, Virxilio, Castelao, Guerra...