Os escritores da AELG apoian a Cesáreo Sánchez e o seu equipo á fronte da asociación

A asociación recoñecerá cada ano a unha pluma lusófona cono Escritor/a Galego/a Universal

A asemblea anual de socios da Asociación de Escritores en Lingua Galega, celebrada o pasado sábado 7 de febreiro no CGAC, acordou, entre outras cuestións, o programa de actividades para 2009, do que cómpre salientar a concesión do premio “Bós e xenerosos” a Mariví Villaverde, e da Letra “E” a Agustín Fernández Paz. A xunta directiva encabezada por Cesáreo Sánchez, única presentada, foi apoiada pola asemblea e conta coas inclusións de Elvira Riveiro Tobío e Francisco Castro como vogais de Pontevedra-Vigo e as baixas de Henrique Rabuñal, Lucía Novas e Marta Dacosta. Na asemblea tamén se soubo que a partires deste ano, nomearase a dous escritores estranxeiros como “Escritor Galego Universal” sendo sempre un deles un escritor do eido lusófono, neste 2009 o recoñecemento será para o angoleño Jose Luandino Vieira ademais da xa coñecida Elena Poniatowska. A xunta tamén anunciou a apertura dunha nova categoria ao mellor blog literario dentro dos Premios AELG. Igualmente na Cea das Letras entregarase o premio á Institución que destacou durante o ano no seu labor cultural, concedéndose nesta ocasión á Sección de Literatura do Liceo de Ourense, personificada na figura de Marcos Valcárcel.