A AELG adianta os seus homenaxeados este ano

Os escritores inclúen a Agustín Fernández Paz nas súas propostas para o Nóbel

16/2/2015 | Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

A Asemblea que celebrou esta fin de semana a Asociación de Escritores en Lingua Galega en Compostela deixou abondas novidades. Así, o colectivo acordou homenaxear a Xosé María Álvarez Cáccamo coa letra E do premio O escritor na súa terra. Ademais, o brasileiro Luiz Ruffato foi escolleito como Escritor Galego Universal, mentres Josefa Arias e Emilio do Pando foron declarados Mestres da Memoria.

Como institucións galardoadas este ano, os escritores apostaron polo Colexio Profesional de Xornalistas e mais pola Asociación de Medios en Galego. Tamén vai para a comunicación o Bos e Xenerosos, que recoñece a traxectoria de cinco xornalistas: Margarita Ledo, Tereixa Navaza, Manolo Lombao, Gustavo Luca de Tena e Xosé María Palmeiro.

A AELG anunciou tamén que suma a candidatura de Agustín Fernández Paz ás de Méndez Ferrín e Luz Pozo Garza como aspirantes ao Premio Nóbel de Literatura. No encontro tamén se produciu unha renovación da directiva, coa entrada de Rosalía Fernández Rial e a saída de Antía Otero e de Rexina Veiga.

A entrega dos premios realizarase nunha gala o vindeiro 9 de maio en Lugo.

Que che parece esta nova?
59 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito