O outono de Jazz chega cun seminario a Pontevedra e cun ciclo a Vigo

Paixón polo Jazz

Os amantes da música jazz teñen cada vez máis eventos e concertos para gozar con este estilo musical. Ata o de agora o jazz circunscribíase a actividades concretas como o Festival de Jazz de Lugo e as actuacións esporádicas nas principais localidades de Galicia. Por ese motivo, o concello de Pontevedra e o Centro Cultural Caixanova organizan sendos actos. En Pontevedra é un Seminario que nace con vocación permanente e en Vigo, un miniciclo musical de dous concertos que comezan este sábado con Joshua Redman.

Seminario Permanente



Este verán celebrouse en Pontevedra unha serie de concertos de Jazz. Un evento organizado polo Concello e que tivo un éxito de público importante. Con este precedente o Concello decidíu botar a andar un Seminario Permanente na cidade que sente os xermolos da formación deste estilo musical dentro da cidade. Paco Carlín e Abe Rábade, vellos coñecidos dentro do panorama musical serán os encargados de ofrecer os seminarios didácticos nos que se divide este evento.
Para que quede estructurado dun xeito claro a organización do Seminario Permanente divídese en catro apartados: historia, interpretación, conxunto instrumental e teoría. Un programa que pretende ofrecer unha visión de conxunto do propio programa.
Polo demais, este Seminario pretende, por outra banda, ofrecer unha formación da que saia unha canteira de grupos que se animen a participar nos Festivais de Jaz de Pontevedra.
O Seminario que se prolongará ata o vindeiro mes de maio no Pazo da Cultura Pontevedrés ten un custe de 25.000 pesetas (que se pode pagar nun único pago ou fraccionado). O horario é accesible e flexible para achegarse á todo tipo de xente, e terá lugar os sábados 10 a 14 e de 16 a 20 horas.












Outono de Jazz



Vigo pretende recuperar os bos momentos jazzísticos que ofrecía o "Swing en Outono" que organizaba Caixa Galicia. E faino da man doutra entidade financeira "Caixanova" que se está esforzando en traer un programa o máis selecto posible. E aínda que este "outono de jazz" se reduce a dous único concertos conségueo cun programa completo e selecto. Son Joshua Redman e Brandford Marsalis, dous virtuosos do saxo, que malia a súa xuventude teñen unha dilata experiencia e son referencias dentro panorama jazzístico internacional.
O primeiro concerto terá lugar o sábado 11 de novembro no Centro Cultural Caixanova a Joshua Redman que se deu a coñecer nos anos 90 dentro da xeneración que os críticos denominaron "mozos leóns" que adoptaron o "Hard Bop" como preferencia jazzística. Redman, fillo doutro coñecido saxofonista "AvantGarde" Dewey Redman". E sete días despois, o vindeiro sábado, Brandford Marsalis fará o propio no mesmo auditorio.
Se Redman é xa un clásico do mundo do jazz, Marsalis está a piques de selo. Herdeiro deste leigado familiar, é un saxo tenor que chegará a Vigo acompañado por Joey Calderazo (ó piano), Eric Revis (ó baixo)e Jeff Tain á batería.