Tendencias na Internet no 2009

A diversificación dun soporte

Internet xa non é o que era. É moito máis. A normalización do uso da rede por parte dos axentes culturais, e unha cifra crecente de usuarios que acceden á rede están a cambiar a fisonomía, os servizos e os contidos de Internet. Galicia non é allea a este fenómeno que se transforma constantemente. Repasamos que pode dar de si a rede no 2009 na cultura galega.

A autoedición, en diversidade de formatos
Co xurdimento da web 2.0, os blogs convertéronse en emblemas dun novo movemento da web baseado na capacidade dos usuarios de desenvolver proxectos de autoedición. O xurdimento de blogs ao longo de 2005 e 2006 foi espectacular no país, ata o punto de acadar cifras moi elevadas. Pero coa evolución da propia web 2.0 e o xurdimento das redes sociais como Facebook, Tuenti ou MySpace e plataformas de micropublicación como Twitter, a creación de novos blogs e a actualización de moitos deles resentiuse, o cal non queren dicir que perderan vitalidade. Mentres uns desaparecen, uns medran e collen folgos, comezando a desempeñar a función de pequenos micromedios -as principais editoriais do país, Xerais e Galaxia, por exemplo, manteñen blogs corporativos- ou abrindo vizosos espazos de debate cultural. No 2008 tamén vimos a importante incorporación do Diario Cultural da Radio Galega ao mundo blog, e moitos escritores do país están a empregalos como extensións de novelas ou prolongacións da súa actividade literaria, mentres que os perfís persoais nas redes sociais solventan os intereses daqueles usuarios con máis ánimo de compartir contidos interesantes e comunicarse cunha rede social máis reducida. A autoedición e o uso destas ferramentas corporativas vaise incrementar no vindeiro ano.

Un detalle importante que pode cambiar tamén a nosa relación coa autoedición é a popularidade actual dos netbooks ou ultraPCs, portátiles de baixo custo con gran capacidade de conectividade que facilitarán a desubicación do acto de escribir e producir contidos.


O patrimonio en bytes
Nos últimos dous anos, a produción e o traballo institucional en Galicia entrou nunha importante dinámica de dixitalización, na medida en que os seus responsables asumen a produción de documentos dixitais coma o xeito máis versátil de facer públicos moitos elementos do patrimonio. Coa conformación da Biblioteca e o Arquivo Nacional de Galicia na Cidade da Cultura ao longo de 2009, poderíase producir un importante proceso de estandarización dos formatos de dixitalización e catalogación do noso patrimonio cultural. Ao mesmo tempo, unha significativa parte dos procesos de posta en valor patrimonial financiados pola Xunta de Galicia en diferentes eidos (visibilización da industria cultural, recuperación de patrimonio fotográfico ou audiovisual), ou por outras entidades coma o Parlamento de Galicia, o Consello da Cultura Galega, o Museo de Pontevedra ou as entidades locais, pasan porque este patrimonio sexa accesible, con máis ou menos limitacións, vía web. No 2009 veremos un certo número de proxectos de documentación patrimonial que terán saída web. A clave será as posibilidades de conexión entre eles.


Máis rede no audiovisual
Todo parece indicar que no 2009 veremos unha intensificación da presenza de determinados ámbitos da industria musical na rede. O incremento -demasiado lento- das velocidades de conexión do ADSL que comercializan as operadoras de telecomunicacións, facilitan o consumo audiovisual. Deste xeito, ao longo do 2007 e 2008 puidemos ver como a rede convertíase na principal plataforma de distribución, difusión e mesmo de comercialización do sector da música galega. A través de MySpace e de distribuidoras e pequenas compañías que empregan Internet de xeito moi eficiente, a música galega, na súa diversidade de estilos, está a abrir mercados e, sobre todo, conectar con moitos consumidores interesantes. O 2009 podería ser o tempo do audiovisual, ata o momento se cadra demasiado distanciado das posibilidades de Internet. Hai precedentes potentes no 2008: o filme Prado Longo, dirixido por Ignacio Vilar, foi se cadra a produción galega que máis empregou a rede ata o momento como estratexia de visibilización e promoción. Novas plataformas como Vimeo garantizan aos realizadores unha emisión con máis calidade das súas producións.

A canibalización
Todas as últimas enquisas informan de que Internet está canibalizando xa de xeito efectivo todos os soportes, superando o seu consumo no Estado español por primeira vez no 2008 á televisión. Esta tendencia avanzará aínda máis durante o 2009, sometendo a prensa e televisión a unha importante reorganización dos produtos que presentan aos consumidores.