Os premios da Edición recoñecerán a GADISA

A banda deseñada entra por primeira vez nas candidaturas

A Asociación Galega de Editores (AGE) entregará o vindeiro día 19 os seus premios na VI Noite da Edición. GADISA recibirá o premio Francisco Fernández del Riego ao traballo pola difusión da nosa cultura. Ao tempo, destaca, na categoría de Autor do Ano, a presenza dos dous recentes premios nacionais, Xusto Beramendi e Agustín Fernández Paz, canda a Miguel Anxo Murado. Murado tamén opta ao galardón ao libro do ano coa súa obra Fin de século en Palestina.

Outro autor que repite candidaturas é Xavier P. Docampo, que compite con Murado na candidatura a libro do ano e tamén participa na de Libro Ilustrado con O libro das viaxes imaxinarias. A fabulosa lenda do Rei Artur opta asimesmo aos premios ao Libro Ilustrado e mais ao Traducido. Nesta última categoría repiten precisamente os tradutores desta obra, Xavier Senín e Isabel Soto, que tamén candidatan con Mal de Escola. Destaca especialmente nesta edición dos galardóns a presenza, por primeira vez, de dúas obras de banda deseñada nas candidaturas. A conta atrás de Carlos Portela e Sergi Sanjulián opta ao premio ao Libro do Ano, mentres Terra libre o último álbum de Fran Jaraba, compite na categoría de Libro Ilustrado.



Os finalistas (lista tirada do web da AGE)

Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano, co que se pretende recoñecer o traballo realizado por un autor ou unha autora, ou colectivo de autores/as, en lingua galega durante 2008.

Agustín Fernández Paz
Justo Beramendi
Miguel Anxo Murado

Premio Ánxel Casal ao Libro do ano, co que se pretende recoñecer un libro editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2007 e o 30 de novembro de 2008.

A arquitectura en Galiza: Aproximación á realidade arquitectónica xeral de Galiza dende a Prehistoria ata os nosos días, de Manuel Torres Búa (Nigra Trea)
A conta atrás, de Carlos Portela (Faktoría K),
A vida nova de Madame Bovary, de Xosé Carlos Caneiro (Galaxia),
Caderno de animalista, de Antom Fortes (OQO),
Fin de século en Palestina, de Miguel Anxo Murado (Galaxia),
O libro das viaxes imaxinarias, de Xabier P. Docampo (Xerais)
Os animais domésticos na Historia de Galicia, de Diego Conde e José M. Vázquez Varela (3C3)

Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil do ano, co que se pretende recoñecer un libro infantil ou xuvenil editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2007 e o 30 de novembro de 2008.

A pastelaría de Dona Remedios, de Agustín Fernández Paz (Rodeira-Edebé)
Caracois, de Armando Quintero (OQO)
Imaxina animais, de Xosé Ballesteros (Kalandraka)
O ladrón de palabras, de Anxo Fariña (A Nosa Terra)
PAlAbrAs brAncAs, de Elvira Riveiro Tobío (Xerais)

Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2008, co que se pretende recoñecer un libro traducido para o galego e publicado polos membros da AGE entre o 1 de decembro de 2007 e o 30 de novembro de 2008.

A fabulosa lenda do Rei Artur, traducido por Isabel Soto e Xabier Senín (Rodeira-Edebé)
As flores do mal, traducido por Gonzalo Navaza (Galaxia)
Cantos e fragmentos, traducido por Raúl Gómez Pato (Positivas)
Deshonra, traducido por Moisés Barcía (Rinoceronte)
Eu servín ao Rei de Inglaterra, traducido por Fernando de Castro (Rinoceronte)
Lolita, traducido por Xesús Fraga (Faktoría K)
Mal de escola, traducido por Xabier Senín e Isabel Soto (Xerais)

Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do 2008, co que se pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e publicado orixinalmente en lingua galega entre o 1 de decembro de 2007 e o 30 de novembro de 2008.

A fabulosa lenda do Rei Artur, ilustrado por Francesc Rovira (Rodeira-Edebé)
Celso Emilio Ferreiro. Selección poética, ilustrado por Baldo Ramos (Faktoría K )
O libro das viaxes imaxinarias, ilustrado por Xosé Cobas (Xerais)
Rosalía de Castro. Selección poética, ilustrado por Belén Padrón (Faktoría K)
Terra Libre, ilustrado por Fran Jaraba (Xerais)