Formatos para a cultura

Unha mesa redonda reflexiona sobre o futuro do sector audiovisual

“Queremos analizar o presente o pasado e o futuro do noso audiovisual”. Deste xeito, Miguel Anxo Fernández, sintetiza as claves da mesa redonda “Audiovisual Galego. Novas linguaxes para a cultura” que hoxe lle toca moderar. Unha actividade na que participarán esta tarde (Centro Social Caixanova, Vigo, 18:30 horas) Margarita Ledo, Antón Reixa, Manolo Gómez e Pepe Coira e que se integra dentro das actividades paralelas para celebrar os vinte e cinco anos do Consello da Cultura Galega.

Miguel Anxo Fernández, o moderador da mesa redonda, ten moi claro o camiño polo que vai guiar o debate desta tarde. “A nosa intención é facer un repaso moi breve de onde vimos, onde estamos e cara onde imos. Un camiño no que hai unha serie de constantes como son a lingua e a cultura do país, que se acompañan de novos xéneros que van enriquecendo esa visión” asume. O documental, a animación abren os seu oco nun un sector dominado ata hai ben pouco pola ficción, novos xéneros dos que falarán os integrantes da mesa redonda que terá lugar despois da proxección de O espírito do bosque, a última longametraxe de Dygra Films.



Margarita Ledo: “¿Por que temos a teima de que o cinema é só ficción? ¿E só cinema comercial?
“O papel de Margarita cubre o documental como xénero en auxe, pero non só en Galicia senón tamén en todo o mundo. Estase a ver que é unha canle expresiva moi rendible e que se está a equiparar e homologar cos diferentes xéneros, competindo mesmo nas pantallas grandes” resume Miguel Anxo Fernández do papel que terá a directora de documentais como Liste, pronunciado Líster ou Santa Liberdade



Antón Reixa: “o futuro ten que ver coa I+D e a interancionalización”
Reixa é un dos nomes máis populares da produción cultural contemporánea, nesta ocasión Miguel Anxo destaca a súa faceta como “produtor e director que cubre o aspecto da ficción”. A e lle tocará explicar “cara onde imos que produtos, que modelo de coprodución… facer produtos para consumo propio non é viable e hai que buscar alternativas”.



Manolo Gómez: “A animación non só está presente nas longametraxes e nas series, senón que hai un abano moi amplo que se nos abre por diante”
Manolo Gómez é o nome propio máis destacado da animación en Galicia. Ademais, Miguel Anxo Fernández destaca que a animación, as novas tecnoloxías e o 3D, son o futuro. co tema da animación. Manolo analizará a “as posibilidades extraordinarias novas tencoloxías, novas ferramentas e modelos de produción” resume Fernández.


Completa a mesa redonda Pepe Coira, o que foi o primeiro director do CGAI que co seu perfil de produtor, crítico e xornalista cinematográfico servirá para completar o panorama das novas linguaxes para a cultura.