Santiago Veloso: "Se Santiago e Madrid amosasen máis interese, Lisboa tería outra actitude"

Ponte... nas ondas! crea a figura de Tesouros vivos para recoñer os portadores do saber tradicional

A Asociación Ponte... nas ondas! anunciou esta mañá nunha rolda de prensa que continuará a traballar para que a o patrimonio inmaterial galego-portugués sexa recoñecido coma Obra Mestra da Humanidade pola UNESCO. O colectivo denunciou o desinterese dos gobernos Portugués e Estatal que impediu que non se puidese presentar en tempo a candidatura este ano e que, no caso do Ministerio de Cultura portugués, mesmo cuestionou a existencia de vencellos culturais comúns na eurorrexión. Santiago Veloso, coordinador de Ponte... nas ondas! explícanos que, ao seu ver, non houbo vontade política para potenciar a candidatura.

Entre as vindeiras accións que prevé desenvolver o colectivo está a creación da figura de Tesouros vivos da Eurorrexión, que recoñecerá as persoas que conservan e transmiten os coñecementos tradicionais. Ademais, anuncian que está en marcha a organización de actividades coma a IIª Xornada Escolar de Xogos Tradicionais, o II º Certame Audiovisual “Conta onde vives”, o IIIº Certame de Recolla da Tradición Oral e mais a XVª Xornada Multimedia de Comunicación Interescola. O colectivo adiantou tamén que transformará o web da candidatura no Portal do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.