A Coruña acollerá Move, a primeira Feira das Artes Dixitais

O evento desenvolverase entre o 13 e o 16 de novembro

Move New Media, “un espazo de creación, exhibición e interacción específico para as artes dixitais”, achegará ao recinto de Expocoruña as máis recentes creacións no campo das artes dixitais entre o 13 e o 16 de novembro. Unha das bases do proxecto é unha feira que amosará e porá á venda os traballos de vinte artistas deste campo chegados de todo o mundo, coma Annie Abrahams, Ricardo Nascimento ou Andreas A. Zingerle entre moitros outros. Por outra banda, unha sección de son achegará actuacións de diferentes picadiscos e creadores de música electrónica coma LTJ Bukem & Mc Conrad, Metro Area, Dj Hell ou Ellen Allien. Finalmente, un apartado dedicado ás artes escénicas amosará traballos de grupos coma Pisando Ovos ou La sonámbula. Coa intención de achegar estas creacións ao público, desenvolveranse tamén intervencións artísticas en diferentes espazos da cidade. Obradoiros de arte dixital e creación de música electrónica, debates e outras actividades completan o programa.