Xavier Valiño mestura eventos consolidados coas novas propostas na súa axenda de festivais

Axendas Festivaleiras: Arredor do rock

O seu nome está asociado en grande medida ao rock. O seu traballo coma escritor, con obras coma Todo en nombre del Rock and Roll ou Rock Bravú mestúrase cunha impresionante carreira coma crítico e locutor radiofónico. No entanto, Xavier Valiño aposta na súa axenda de festivais por unha mestura de citas consolidadas con propostas novas na que o teñen cabida o jazz e o pop.


Cultura Quente. Caldas: “Ademais de contar cun cartel de luxo todos os anos, ao que se pode ir case cos ollos pechados, é de balde e nun marco incomparable: unha carballeira xunto ao río”. Vetusta Morla ou Café Tacyba foron algúns dos responsables de pórlle son a unha cita que mestura a música coas artes.

Será os días 11 e 11 de xullo en Caldas de Reis.
Web do Cultura Quente

Artenativa. Valga: “O ano pasado celebraron unha primeira edición coa idea de xuntar o mellor da escena independente pero, ollo, só con grupos galegos. Este ano repiten e só por iso xa merece a pena (ademais de demostrar que nunca antes tivemos en Galiza unha escena independente así)”. Nadadora, Projecto Mourente, The Blows, Fanny e Aleixandre, Austria ou Niño e Pistola fan parte das actuacións deste ano.
Artenativa será os días 8 e 9 de agosto en Valga.
Web de Artenativa

Lolapop. Pontecaldelas: “O Lolapop é unha boa alternativa ao Artenativa, aínda que conta tamén con grupos independentes do resto do Estado”. Manos de Topo, Jugoplástika, Niños mutantes ou Delorean son algunhas das propostas que chegan a este evento.
O Lolapop celebrarase o 29 de agosto en Pontecaldelas, Pontevedra.
Web do Lolapoop

Festigal. Compostela: “Festival con motivo e tema político, ás veces tamén contan con reclamos importantes. Este ano, The (International) Noise Conspiracy”. Canda a eles, Nao, Caravan Palace, Lamatumbá, Quempallou, Pablo Milanés ou Berrogüetto, entre moitas outras actividades compoñen unha cita completa.
Compostela, 24 e 25 de xullo.
Web do Festival

Festival de Jazz e Vibrasons. Pontevedra: “Dous festivais en Pontevedra, un centrado no jazz e outro no pop, ambos de balde e cun marco urbano incomparable: a Praza do Teucro, nun casco histórico como non hai outro”. Pola banda do Jazz, estarán neste marco Ivan Lins, Johnny Winter ou Kenny Barron Trio. En cantos a Vibrasons, participan grupos coma Sator, The Dynamites ou The Pretty Things entre outros.
O jazz soará entre o 17 e o 26 de xullo
Web do Festival de Jazz
O Vibrasóns será entre o 31 de xullo e o 2 de agosto.
Web do Vibrasons

Festival de Paredes de Coura. Paredes de Coura: “Non é Galiza, non (está a uns 20 kms. da raia), pero os galegos témolo adoptado. É o gran festival internacional que Galiza debería ter, cunha chea de nomes internacionais de primeira división onde sempre hai concertos para lembrar -sen ir máis lonxe, Nick Cave hai dous anos-”. Nesta edición, nomes coma The Sex Pistols ou Primal Scream ou Lemonheads, entre moitos outros, fan por manter o nivel.
Será entre o 31 de xullo e o 3 de agosto
Web de Paredes de Coura

Felipop. Limodre: “O Festival máis entrañable, por facerse nun lugar pequeno e por auténticos conocedores e degustadores do mellor da música, que cada ano traen bandas que doutro xeito non veríamos por aquí. Ademais, non ten backstage, co que os artistas comparten todo -e intiman- co resto da xente”. Ou sexa que é unha oportunidade para coñecer en presoa a Magin Blanco & Burgas Beat, Super Ratones, La Granja, The Coal Porters ou Doctor Divago, entre outros.
Será do 7 ao 9 de agosto
Web do Felipop

Xiriapop. Carballo: “En Carballo e en setembro, co mellor do rock de aquí e de fora, sin máis aditivos”. Coa edición deste ano aínda sen pechar, é cousa de non lles perder a pista.
Web do Xiriapop