Sábato, Piñón, Felipe Juaristi e Ricart Salvat, galardoados polo Pen Clube

Rosalófonos

Así foi como describiu o Presidente do Pen Clube de Galicia, Luís Tosar, ós gañadores do Premio "Rosalía de Castro 2002", promovido por esta entidade. E o cartel de vencedores é de luxo: Ernesto Sábato, Ricart Salvat, Felipe Juaristi e Nélida Piñón. Os Premios Rosalía de Castro valoran as traxectorias de escritores nas linguas da Península Ibérica e non teñen asignación económica. No canto dela, unha praca cun grial como símbolo de Galicia. Non é a única novidade literaria: xa se sabe a data da entrega dos premios da undécima edición dos Premios Irmandade do Libro. Será o 2 de marzo na Coruña. Ademais, o concello de Padrón vén de aprobar as bases da segunda edición do Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva.

Os autores ibéricos



O Pen Clube de Galicia vén de presentar o fallo do xurado do Premio Rosalía de Castro 2002, no que se valora a traxectoria literaria de autores nas diversas linguas ibéricas, tentando buscar o "diálogo e solidariedade entre culturas". O xurado estivo integrado por Luis G. Tosar, Helena Villar, Marilar Aleixandre, Xesús Alonso Montero, Alfredo Conde, Bieito Iglesias e Xesús Rábade Paredes. Tosar anunciou que cada un dos autores galardoados escribirá un texto, en cada un dos idiomas peninsulares sobre Rosalía de Castro, con motivo do 165 aniversario do nacemento da escritora que se difundirá de "xeito masivo", informa O Correo Galego.





Os irmandiños do libro


Hoxe tamén soubemos que xa se coñece data para a entrega dos prestixiosos Premios Irmandade do Libro, creados como recoñecemento a persoas, entidades e institucións que traballan a prol do libro e da cultura. Serán na Coruña, o 2 de marzo, e a entrega será presidida polo Presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro. A cita será no Hotel María Pita da Coruña. O premio está dividido en varias categorías: Medios de comunicación, centros de ensino, autor e editoras.













E os actores tampouco quedan sen el


Padrón realízalle a súa homenaxe particular a Maruxa Villanueva a través do Premio de Interpretación Teatral do mesmo nome. Convocado polo concello, o galardón outorgarase entre os actores que participaran nun espectáculo teatral en galego ó longo do 2002. O fallo coñecerase o 24 de novembro e a cuantía é de 1.200 euros ademais dunha estatuíña de bronce. A actriz Maruxa Villanueva foi a conservadora da Casa-Museo Rosalía de Castro.