Pontevedra e Vilafranca propoñen a celebración conxunta do Día das Letras

A ledicia de compartir

| Santiago.Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

A presentación pública do manifesto a prol da celebración conxunta do Día das Letras en Vilafranca e Pontevedra serviu para que representantes das dúas cidades anunciasen a súa proposta para compartir os actos. Aínda que a decisión sobre a localización do acto institucional deberá tomala a Real Academia o vindeiro sábado.


Actos pola mañá e pola tarde

O Concelleiro de Cultura de Pontevedra, Luis Bará, e o delegado da Comisión Sarmiento 2002, Gaspar Méndez, propuxeron onte que se celebren dous actos oficiais de homenaxe a Sarmiento o Día das Letras. A Comisión Sarmiento 2002 reúne a todos os colectivos culturais de Vilafranca e está participada polo Concello daquela vila.
A idea é que Vilafranca acolla un acto durante a mañá e que en Pontevedra se realice a homenaxe durante a tarde.
A proposta de actos conxuntos fíxose onte en Compostela durante a presentación pública do manifesto de apoio á celebración do Día das Letras no Bierzo que se pode ver en Vieiros.com.
Segundo sinalou Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo e un dos promotores deste manifesto, "non existe ningunha razón ou incopatibilidade" para a dobre celebración, e lembrou que "non 96 homenaxeouse a Xesús Ferro Couselo, en Valga pola mañá e en Ourense pola tarde".
Costas tamén destacou a importancia de que sería "a primeira vez que a RAG saise da súa fronteira política e ocupase o seu espacio lingüístico e natural".
O concelleiro de Cultura de Pontevedra, Luis Bará, tamén salientou que desde esta cidade considérase "máis necesaria e útil para a normalización da lingua" que o Días das Letras tamén se celebre no Bierzo.


Desde a RAG


No acto de presentación do manifesto de apoio á celebración do Día das Letras en Vilafranca, pediuse á RAG que teña en conta a posibilidade de celebrar conxuntamente o Día das Letras no seu plenario do sábado.
Aínda que as declaracións do presidente da Academia, Xosé Ramón Barreiro, teñen apuntado en diferentes ocasións a prol da celebración desta data en Pontevedra, o representante da Comisión Sarmiento 2002 sinalou que o presidente da RAG está "moito máis receptivo" á posibilidade dunha celebración conxunta.
A comezos de xaneiro celebrouse unha xuntanza entre Barreiro e un representante da Comisión na que deixou aberta a posibilidade de realizar esta celebración de xeito compartido entre Vilafranca e Pontevedra.
Por outra banda, o Consello da Cultura Galega xa anunciou a súa intención de ceder ó Concello de Vilafranca a súa mostra sobre Frei Martín Sarmiento, aínda que non hai data fixa para a súa exposición.

Que che parece esta nova?
41 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Pontevedra, Manifesto, Frei Martín Sarmiento, Xosé Ramón Barreiro...