Avívase a polémica sobre a celebración do Día das Letras en Vilafranca

Discútese o Bierzo

Logo de que o Concello de Vilafranca se ofrececese como sede para o acto central do Días das Letras deste ano. e despois de que Pontevedra fixese o mesmo, a Asociación Fala Ceibe do Bierzo terciou reclamando para o Bierzo a celebración. As declaracións de Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega (RAG), sinalando a necesidade de que o acto se realice na Galicia administrativa provocaron novas declaracións de Fala Ceibe e que desde Vieiros.com se veña de publicar un manifesto de apoio a estas reivindicacións que xa foi asinado por destacados persoeiros da cultura.


As declaracións de Barreiro



Aínda que nun primeiro momento o presidente da RAG evitar pronunciarse sobre a celebración do acto central do Día das Letras en Vilafranca, respondendo as preguntas que lle fixeron os internautas en "La Voz de Galicia" o pasado luns, sinalou que o acto debería celebrase en Galicia.
Así, Barreiro agradeceu o ofrecemento do Concello de Vilafranca, aínda que sinalou que "parece lóxico que sexa a sociedade galega a que protagonice o Día das Letras Galegas", puntualizando que "na medida na que os bercianos forman parte desta Galicia, tamén poden celebralo". O presidente da RAG lembrou o recente derrubamento da suposta casa natal de Sarmiento en Vilafranca.
De calquera xeito, en declaracións realizadas onte, delegou no plenario da RAG que se celebrará o vindeiro nove de febreiro a decisión final sobre esta cuestión.



O Bierzo reclama

Recentemente Xabier Lago, presidente da Asociación Fala Ceibe do Bierzo, publicou recentemente un artigo en Bierzoportal.com e en Vieiros no que manifestaba a súa sorpresa pola posición do concello de Vilafranca nesta polémica. Lago sinala que haberá celebracións en Vilafranca independentemente da decisión final da RAG. Noutro artigo publicado onte, Gaspar Méndez, concelleiro en Veiga de Valcarce, sinala a súa sorpresa pola actitude do Concello de Vilafranca con respecto á celebración do Día das Letras no Bierzo. No seu texto, Méndez lembra que nos estatutos da RAG se recoñece como galego o falado no Bierzo e nas zonas limítrofes coa nosa comunidadade e que unha das funcións da RAG e a defensa do noso idioma.
Méndez destaca a condición de Vilafranca como lugar de fala galega independentemente da súa situación administrativa e lembra os abondosos homenaxes que se teñen prestado a Sarmiento na zona.













Apoio desde a Galicia autonómica


Vieiros.com vén de poñer na rede un manifesto no que apoia a celebración do acto central do Día das Letras en Vilafranca. Este manifesto, que está encabezado como "Carta á Real Academia Galega", sinala que o ámbito de actuación da RAG é, segundo os seus estatutos "a histórica Galicia lingüística e cultural". Ademais, no texto destácase o pulo que suporía o noso idioma fóra da comunidade que a celebración fose no Bierzo e salienta a importancia simbólica da presencia do RAG nesta comarca.
O manifesto foi asinado xa por prestixiosos intelectuais do país entre os que se poden citar a Méndez Ferrín, Suso de Toro, Gonzalo Navaza, Carme Hermida ou Anxo Angueira entre outros.