A Sala Galán pon en marcha a IX Edición de Curtos de Teatro Galego

Pequenas alternativas

As obras de teatro máis pequenas faranse un ano máis protagonistas na IX edición do ciclo Curtos de Teatro Galego que se celebrará na Sala Galán de Compostela a partir do día 22. Representacións de entre dez e quince minutos que mestura improvisacións e procesos abertos de traballo artellando novas liñas de investigación teatral. Para quen non queira agardar para ver un espectáculo diferente, esta mesma noite a Sala Nasa ofrece hoxe a Ultranoite Encantada, un cabaret colectivo no que se mesturan diferentes actuacións en defensa da Casa Encantanda, centro sociocultural alternativo ameazado de derrube.

Curto pero intenso



Van xa nove anos que a Sala Galán de Compostela programa os Curtos de Teatro Galego, unha proposta que pretende levar a escea un xeito diferente de facer teatro. Trátase de pequenas representacións, de entre dez e quince minutos, interpretadas por unha ou varias persoas, nas que se xoga coa improvisación, con procesos abertos de traballo ou que son parte de proxectos maiores, sen contar en ningún caso cunha montaxe teatral pechada.
Será os días 22 e 23 de febreiro cando poidamos asistir a este ciclo, no que participan actores do país coma Ana Vallés, Gena Baamonde e Santi Prego entre outros. Así, Gena Baamonde ofrecerá o espectáculo "Xogo para nenas", un proceso de traballo cara un novo espectáculo da compañía. Haberá tamén adaptación de textos coma "Carta ós instintos", de V. Novarina. Desde Fisterra achégasenos "The disappearance of the groom... o dónde coño se ha ido el novio" coa participación de Luis o Fantástico, Roberto Traba e Minke Lap.
Para o día vintetres queda "Sin sombra de duda" de Ana Vallés, "No se culpe nadie" de Diana Tessari e José Campanari, "As Orixes do Imbécil" de Santi Prego e José Prieto e "¡Mírame!" de Eugenia Iglesias.












Ultranoite encantada



A defensa da Casa Encantada, centro sociocultural alternativo de Compostela, é o tema que centra a Ultranoite da Sala Nasa que se celebrará hoxe.
Seguindo coa tradición destes encontros, haberá actuacións sorpresa relacionada co tema. Entre elas poderán verse actuacións de malabaristas e do grupo Cool Hamster, ademais de sketches paródicos sobre o problema. Grupos de teatro coma Berrobambán xa teñen amosado a súa solidariedade con este centro realizando un video paródico sobre o Concello que se pode ver na rede.