O MARCO leva ás salas as obras de arte dos coleccionistas galegos

Tolos pola arte

4/6/2008 | Santiago. Redacción | Seccións: Arte
15 lecturas | Compartido 0 veces
Un coleccionista non é só aquel que merca obras artísticas para decorar o seu fogar, ou como inversión económica, senón que vai moito máis alá. É un amante do mundo da arte que chega a acumular cantidades sorprendentes que ruborizarían algún museo. O MARCO de Vigo saca da casa dos coleccionistas privados 115 obras en “Paixóns privadas, visións públicas”.
“Sen o coleccionismo non se pode entender a arte contemporánea” afirma con rotundidade Fernando Castro, o comisario da mostra coa que o MARCO pretende revisar a arte máis actual pero a través dunha óptica nova: o que mercan determinados cidadáns. As 115 pezas que recolle esta exposición non reflexan exclusivamente gustos persoais de determinados coleccionistas, senón que serven de termómetro para comprender o que está a pasar no mundo da arte actual. Pero tamén para ver obras de artistas que nunca expuxeron en España.

O variado perfil de coleccionista
“Cando un coleccionista ten cinco cadros podes pensar que é para decorar unha sala e porque lle gusta, pero se resulta que ten cen ou duascentas obras, descubres que isto xa é outra cousa” avanza Fernando Castro cando lle preguntamos sobre o perfil do coleccionista. Para el non hai un perfil único, senón carácterísticas definitorias a todas eles: “é alguen moi informado, moi documentado, moi viaxado, que foi educada nas feiras de arte, que está acostumado a este mundo e que supera con creces o seu contorno local. O coleccionista xa sabe máis que os propios críticos de arte porque ten o gusto moi educado”. En Galicia existen numerosos coleccionistas e algún deles abriron as portas das súas casas (e mesmo dos seus almacéns porque atesoura tantas pezas que xa non lle caben na casa) para alimentar esta exposición que se pode ver no MARCO ata o 7 de setembro. É a primeira aproximación que se fai en Galicia a este mundo que ten unha importancia destacada na estrutura da arte actual. “Sen eles non se sustentaría a arte contemporáena, porque non é como antes, cando o marchante de arte exhibía as obras nas casas, agora está o galerista, comisario, asesor, analistas financeiros, hai unha cantidade que fai que sexa moi denso e ten moitos filtros, nos que o coleccionista é a peza clave” asume Fernando Castro.

“Cando comecei a traballar sobre as cinco coleccións privadas que nutren esta mostra descubrín que había formatos de museos, esculturas xigantescas e unha gran variedade de material, é entón cando te das conta de que non é unha cuestión patrimonial, senón de verdadeiros apaixoados pola arte”. Deste xeito Fernando Castro resume a última características que ten un coleccionista de arte: unha desmesura pola arte en estado puro.

Por último, porque son privadas e porque existe unha cultura moi pouco favorable ao coleccionismo de arte (moi diferente do que acontece nos EEUU, onde existe unha lexislación favorable a este tipo de investimentos, con grandes vantaxes fiscais para os coleccionistas que ceden as súas obras a determinadas institucións) que crea nos seus propietarios certo tipo de suspicacias e reaccións á hora de preguntarlle polas súas obras, a producción desta montaxe foi especialmente complicada. Pero o resultado está á vista no MARCO e, para o comisario pode ser o principio dunha relación moi fructífera. No fondo porque grazas ao coleccionismo privado pódense ver na mostra artistas que nunca antes se viron en Galicia.

O reflexo da arte actual
“A exposición serve para ver o que pasou en Galicia desde os anos oitenta” asegura o comisario que tamén indica que “son cinco coleccións acaban funcionando como un puzzle porque son complementarias. Hai autores que se repiten en todas as mostras, como pode ser Leiro, pero despois cada unha recolle a personalidade do seu propietario e serven para facer unha historia do que aconteceu no panorama expositivo en Galicia”. De feito, moitas das obras que se recollen nesta exposición, serven para facer un percorrido polas galerías privadas, museos e centros de arte do país. “Se hai obras de Ana Mendieta nalgunha colección é porque o CGAC lle dedicou unha mostra” puntualiza Fernando.

A mostra escolle a arte das últimas dúas décadas e pretende compoñer un mosaico variado que atende a todos os formatos, desde a escultura á pintura pasando polo vídeo. Para iso Fernando asegura que “estudei a fodo as cinco coleccions para que á hora de despregar esta baralla e tentar compoñer unha exposición, servira para facer unha reflexión sobre o coleccionismo pero tamén que fora interesante para o público”. Por iso é unha mostra con máis obras das habituais, que atende a catro eixes: a abstracción, a corporalidade e figuración, a cidade e, por último a cotidianeidade. Diferentes figuras do mundo da arte contemporánea, sacadas do fogar para goce de todos.

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves

Entidades
Conceptos
Lugares