Compostela inicia o II Roteiro de Creación

A arte en marcha

A idea básica é visitar os espazos nos que traballan artistas e artesáns da cidade. No entanto, a segunda edición do Roteiro de Creación que se presenta hoxe en Compostela acollerá un bo feixe de actividades máis. Entre elas, a posta en marcha do Espazo de Intervención Campo Santa Isabel, obradoiros, un mural colectivo, ou videocreacións completan un programa que se desenvolve ata o vindeiro 15 de xuño.


Son máis de 35 espazos de creación os que participan nesta iniciativa, entre elas oito galerías de arte. Un obradoiro e unha mostra de mail art, con contribucións dun cento de artistas de todo o mundo inician hoxe o programa na Biblioteca Ánxel Casal da capital galega. As visitas comezan este venres oito cun horario nocturno de visita a partir das oito da tarde.

Entre as novidades máis destacadas desta segunda edición está Operación Frechazo, un sistema de votación por postais que lle permite ao público puntuar os seus artistas preferidos. Os finalistas contarán cunha mostra conxunta na sede compostelá do Colexio de Arquitectos de Galicia en Compostela e ao gañador organizaráselle unha exposición individual.