O Festival de Cans celebra hoxe a segunda xornada desta edición cunha cita moi agardada: a preestrea de Cartas Italianas, a longametraxe do pontevedrés Mario Iglesias. En primeiro lugar, porque supón o salto ás películas deste certame, incialmente concibido para curtas. E, en segundo lugar, porque se trata da estrea da terceira longametraxe deste prolífico realizador pontevedrés que está a preparar a súa quinta película. Iglesias tamén fai parte do proxecto de creación audiovisual 303, co que Álex Sampaio, Fernando Cortizo e Jorge Saavedra (todos eles premiados polo público en anteriores edicións) realizarán pezas de ficción que non deben superar os tres minutos de duración e han de estar rodadas nesta localidade.