O estudio N+1 quere crear unha nova compañía profesional en Ferrol

Teatro ó Norte

O estudio de teatro N+1, de Ferrol, vén de anunciar o seus proxectos para o ano que comeza. Entre eles, unha idea ambiciosa: constituírse como grupo de teatro profesional. Ademais, continuarán con outras actividades coma o curso de formación actoral, obradoiros e actuacións. O teatro na zona norte continúa coa incorporación de Cedeira á Rede de Teatros e Auditorios do Instituto Galegos das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) e coa representación de varias obras en Fene, Sada e Oleiros.

Camiño á profesionalización



María Jesús Guillén, directora da asociación cultural Estudio de Teatro N+1, anunciou onte que o grupo teatral deste colectivo pretende profesionalizarse durante o presente ano.
N+1 naceu como asociación en 1998 e desde entón veu desenvolvendo un intenso labor de promoción teatral na comarca de Ferrol coa realización de cursos e obradoiros e a posta en escea de obras no seu local.
N+1 conta cun grupo propio de teatro afeccionado, Contraste, que agora están pensando en profesionalizar para pór en escea as súas propias produccións. Logo dos primeiros estudios sobre a cuestión, a directiva da asociación realizará mañá unha xuntanza para decidir o mellor camiño cara a profesionalización e analizar as posibles fontes de financiamento do futuro grupo.
A primeira obra que pretende realizar o grupo de xeito profesional "Ella, él y Pirandello" é da autoría de María Xesús Guillén e xa foi levada a escea por este grupo de afeccionados.
Ademais desta iniciativa, N+1 iniciará en breve un obradoiro de narración oral, e os sábados continuarán as actividades do curso de formación actoral.

Cedeira na Rede


O Concello de Cedeira vén de entrar na Rede Galega de Teatros e Auditorios do IGAEM e conta xa cunha programación teatral estable para este semestre. A incorporación do concello a esta Rede, que leva espectáculos teatrais por toda Galicia, realizouse logo de que se inaugurase o pasado mes de decembro a novo auditorio municipal. A primeira das obras que se poderán ver en Cedeira será "Eliana en Ardentía", de Nordesía Produccións, para continuar un mes máis tarde con "Cartas de Amor" de Lagarta Lagarta e con "Os Papalagui" de Teatro do Aquí.




Representación norteñas


Bastante antes que en Cedeira, os veciños de Fene poderán ver o vindeiro día quince a representación da obra "Os Papalagui" de Roberto Vidal Bolaño posta en escea por Teatro de Aquí e que se inclúe no programa Martes Teatrais.
Pola súa banda, a compañía Casahamlet continúa a súa xira por Sada e por Oleiros coa obra "Hamlet e Familia", que mestura textos de Álvaro Cunquiero, Shakespeare e Heiner Müller. A obra poderá verse o día 11 na casa da cultura Pintor Lloréns en Sada en o 12 no centro As Torres de Oleiros, dentro da programación da Obra Social de Caixa Galicia.